O goberno local acusa á oposición de "atrancar" o traballo municipal
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O concelleiro de mobilidade, Demetrio Gómez, acusou os partidos da oposición (Partido Popular, Partido Socialista, Marea e Cidadáns) de "atrancar, meter máis burocracia e paralizar a administración municipal con asuntos que non son en absoluto necesarios".
Na comparecencia ante a prensa para dar conta dos asuntos tratados na comisión de mobilidade, Demetrio Gómez mostrouse contrariado porque a oposición conseguiu aprobar unha moción que solicitaba a creación dunha mesa de traballo para actualizar o plan de emerxencias do ano 2007 e "adaptalo á cidade actual".
O BNG quedou só ao votar en contra desta proposta que saíu adiante co apoio do resto dos grupos. "Parece que imos actuando outra vez todos xuntos", comentou Gómez Xunqueira respecto desta pinza.
Na mesma comisión, grazas á abstención de Marea o BNG puido ditaminar en contra "por innecesaria" da petición de redacción dunha ordenanza na que se regule o estacionamento e pernoita de autocaravanas e vehículos vivendas en vías urbanas.
"Non sabemos o que van votar cando o leven a pleno", sinalou o edil nacionalista.
"ACTITUDE PROPIA DUNHA TIRANÍA"
O grupo municipal de Cidadáns lamentou esta actitude do equipo de goberno nacionalista, "que mentres esixe unha oposición construtiva, dedícase a boicotear calquera proposta en comisións e plenos e ofrece o non polo non a todo", en palabras da concelleira María Rey.
"Non se pode facer política construtiva cando nas comisións, lugar no que se debaten as necesidades do municipio, o grupo nacionalista adopta unha actitude propia dunha tiranía", afirmou María Rey.
Relacionadas:
-
O novo regulamento do pleno terá que esperar, como mínimo, ata a sesión de xullo
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey pide revisar o plan de emerxencias municipal e adaptalo ao modelo urbano
Por Redacción |
-
Cidadáns esixe ao Concello que regule o novo aparcadoiro para autocaravanas
Por Oskar Viéitez |
-
Marea ve "esgotamento" do BNG na remodelación do goberno
Por Redacción |
-
A unión entre BNG e Marea permite aprobar a renda social básica e a compra do local en Ferreiros
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |