Os pontevedreses reciclamos menos vidro que o resto dos galegos
Por Redacción & Mónica Patxot
Cada cidadán de Pontevedra deposita nos colectores de reciclaxe unha media de 10,2 quilos de envases de vidro ao ano. Son cinco menos que a media galega, que se sitúa nos 15,3 quilos. Son os datos que se desvelaron no marco da campaña de promoción que Ecovidrio, xunto á Xunta e o Concello, realizou en Pontevedra.
Dous grandes iglús verdes situáronse na praza de Ourense para que os cidadáns se concienciaran da importancia desta reciclaxe. Cada persoa que depositou alí residuos de vidro recibiu a cambio unha planta aromática.
O xerente de Ecovidrio para Galicia e Asturias, Germán Fernández, explicou que a hostalería supón o 51% do vidro que se recolle na cidade e avanzou que se incrementarán as campañas de sensibilización en bares e restaurantes nos próximos meses.
Ademais, a concelleira responsable de residuos, Carme da Silva, asegurou que o Concello estudará ampliar a recollida porta a porta nalgunhas zonas da cidade e incluír o vidro entre estes elementos, para mellorar a taxa de separación e reciclaxe.
No 2016, a provincia de Pontevedra reciclou 13.774 toneladas de vidro.