O Consello da Muller promove o uso dunha linguaxe non sexista nos trámites administrativos de Marín
Por Redacción
O Consello Municipal da Muller de Marín promove o control sobre o uso non sexista da linguaxe nos documentos administrativos municipais, usando terminoloxía que non oculte, non subordine, non infravalore e inclúa a ambos sexos.
A reunión ordinaria do Consello celebrouse este luns 5 de xuño cun único punto na orde do día: Propostas para favorecer a transversalidade de xénero nas diferentes políticas municipais. Ao remate da mesma indicaron que para favorecer este labor porase a disposición dos diferentes departamentos do concello e das asociacións municipais material a modo de guías que traballan este tema.
Segundo informaron os seus responsables, aproveitando que o Consello municipal ten entre as súas funcións a proposta de actuacións e acordos ás diversas concellerías e á corporación, formuláronse unha serie de iniciativas entre as que destacan este uso non sexista da linguaxe.
Durante a reunión tamén se presentaron iniciativas de actividades de convivencia e formación aberta para as asociacións co obxectivo de seguir traballando no pulo da igualdade entre mulleres e homes.
Formuláronse tamén propostas sobre a recollida a través de recopilatorios, en formato fotográfico, da traxectoria histórica do Consello Municipal da Muller e os logros conseguidos dende a súa creación no ano 2005.