O PP insinúa unha "relación de clientelismo" entre o BNG e empresas que irán á misión comercial a México
Por Natalia Puga
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra móstrase decepcionado pola "ausencia de transparencia" do grupo de goberno do BNG en relación coa misión comercial que promoven a México con empresarios locais o próximo mes de agosto.
O responsable do PP en materia económica e presidente da comisión municipal de Economía, Rafael Domínguez, convocou unha reunión extraordinaria este luns para abordar a polémica xurdida nos últimos días por un malentendido coas asociacións empresariais pontevedreses e, ao termo da mesma, insinuou que detrás de todo este proceso podería haber un caso de clientelismo.
Domínguez explicou que durante a comisión de Economía a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, "se ha negado en rotundo a dar ninguna explicación" sobre as empresas coas que contactou. Na súa opinión, esa negación para dar o nome "pudiera esconder una relación de clientelismo entre el BNG y alguna de las empresas con las que ha hablado".
Recoñece que "no lo podemos saber", pero móstrase moi duro coa actuación de Gulías, pois a ausencia de transparencia nunha comisión de Economía eas muy grave" e, ao seu xuízo, o que demostra é "que el BNG prioriza el márketing a la gestión".
Anabel Gulías mostrouse sorprendida pola actitude de Rafael Domínguez, pois mantén que esta misión comercial parécelle ben, pero critica todas as súas xestións e explicacións. A concelleira "entendería a crítica" do PP se o goberno local xa pechase todas as xestións coas empresas pontevedresas para a misión comercial e non facilitase os seus nomes, pero aclara que aínda están en negociacións e non hai nada pechado.
O Concello anunciou que faría esta misión comercial coincidindo cunha invitación para que presenten o modelo urbano de Pontevedra en México e fixo un chamamento ás empresas pontevedreses que quixesen participar para que se puxesen en contacto con eles. Días despois, Gulías asegura que están "moi contentos" porque a organización da actividade "avanzamos a un ritmo imparable", recibiron moitas chamadas de empresas interesadas e mesmo hai unha entidade financeira que os chamou porque "queren colaborar".
A lista de 20 empresas que se prevé que acudan aínda non está pechada e tampouco o resto da axenda da viaxe. A concelleira responsable explica que tentan pechar todo "coa máxima celeridade" e que na comisión facilitáronlles "todos os datos que tiñamos no momento", pero que lle resulta "imposible telos informados a tempo real".
En opinión de Gulías, as preguntas e a présa do PP demostran que non teñen experiencia á hora de organizar este tipo de viaxes e tamén que daba igual as explicacións que lles facilitasen na comisión, pois criticarían todo igualmente. En resposta a esas críticas, indicou que unha mostra de que "Pontevedra está no mapa" e esta viaxe será "un éxito total" é que este luns confirmáronlles que hai unha invitación da Comisión de Urbanismo do Senado de México para explicar alí o modelo urbano de Pontevedra.
Rafael Domínguez considera que quen demostra unha "absoluta inexperiencia" é Anabel Gulías, pois todo o mundo pode equivocarse, pero "lo que no podemos es ser opacos".
Relacionadas:
-
O Senado de México, interesado en Pontevedra para humanizar as súas cidades
Por Alejandro Espiño |
-
Lores cre que é "decepcionante" a actitude do PP respecto da misión comercial a México
Por Oskar Viéitez |
-
O PP levará ao pleno a "falta de transparencia" do Concello coa misión comercial a México
Por Redacción |