O polígono do Vao, ao xulgado: unha empresa recorre a modificación urbanística que o ampara
Por Alejandro Espiño
Novo contratempo para o polígono comercial do Vao. Despois de superar numerosas trabas administrativas, terá que enfrontarse agora aos tribunais. Unha empresa presentou un recurso contencioso administrativo para tratar de tombar a modificación urbanística aprobada polo pleno da corporación o pasado mes de xaneiro.
Fontes municipais confirmaron a PontevedraViva que o recurso foi presentado por Pontevedra Bricolaje SL, firma anteriormente coñecida como Bricoking Pontevedra.
É unha das empresas que ocupa parte da nave comercial que se construíu na primeira fase deste polígono e con este trámite pretende paralizar o desenvolvemento da súa continuación.
Por agora, tanto o Concello como os promotores do polígono descoñecen os termos deste recurso e a argumentación na que se basea a súa reclamación ante o tribunal.
O xulgado solicitou nos últimos días o expediente deste proxecto aos servizos urbanísticos municipais e comezou a emprazar aos interesados para que se acudan neste proceso xudicial.
Desde o Concello apuntan que, no caso de que a empresa solicite a suspensión cautelar desta modificación urbanística, o xulgado deberá decidir sobre esta cuestión. Se non é así, o desenvolvemento do polígono podería seguir en paralelo ao proceso xudicial.
O desenvolvemento deste polígono está contemplado no Plan Xeral de Pontevedra desde o ano 1989, pero nestas décadas foi atravesado pola autoestrada e pola estrada de Vilagarcía. Esta situación de distintos lindeiros, obrigou a unha tramitación moi complicada.
O proceso de modificación do polígono do Vao leva varios anos de tramitación e máis dunha ducia de informes favorables, entre eles, algúns tan singulares como o da Dirección Xeral de Aviación Civil de Fomento.
Este polígono estaría dividido en dous: un de 24.138 metros cadrados e outro de 5.642 metros cadrados, de uso mixto comercial. A superficie total edificable é de 22.689,53 metros cadrados.
Relacionadas:
-
A Xunta autoriza a construción do polígono comercial do Vao
Por Redacción |
-
Tramitan ante Costas a construción dun aparcamento no futuro polígono do Vao
Por Alejandro Espiño |
-
Visto e prace de Costas ao polígono do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta desbloquea o desenvolvemento do Polígono do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
Cumio en Santiago para desbloquear a ampliación do polígono do Vao
Por Redacción |