Evitar que se conduza tras consumir alcohol e drogas, obxectivo da nova campaña de Tráfico
Por Redacción
Ata o próximo 11 de xuño a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) poñerá unha especial énfase en evitar que persoas que consumiran alcol ou drogas se poñan ao volante. É o obxectivo da nova campaña especial de control que desenvolverá durante toda a semana.
Axentes de Garda Civil intensificarán os controis deste tipo a condutores nas vías pontevedresas. Igualmente, potenciarase a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.
A Delegación do Goberno lembra que o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias.
No ano 2015, as análises toxicolóxicas realizadas a 638 condutores falecidos en accidentes de tráfico de toda España revelaron que un 43% deles presentaban unha taxa de alcol etílico en sangue superior a 0,3 g/l, unha porcentaxe que ascendía ata o 46% no caso de peóns falecidos pola mesma causa.
Menor percepción ou percepción equivocada da súa contorna, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da inxesta de alcol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo.
O obxectivo, tanto desta nova campaña especial como dos controis ordinarios, é proseguir a liña descendente no número de positivos. A única taxa segura é o 0,0%, pois aínda que nos creamos en pleno uso das nosas facultades físicas e mentais, coa inxesta de alcol estamos a multiplicar o risco de sufrir un accidente, lembra Tráfico.
Á parte do alcol, evidenciouse que a presenza de drogas no organismo afecta as capacidades para unha condución segura, polo que o consumo de sustancias psicoactivas será tamén obxecto de control nesta campaña especial.
Na campaña equivalente desenvolvida en xuño do ano pasado realizáronse un total de 4.468 probas de alcoholemia e 113 de drogas na rede viaria da provincia de Pontevedra, resultando positivos 69 en alcol e 49 en drogas.
Relacionadas:
-
Revisa as condicións do teu vehículo: a DXT comeza unha campaña especial
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio colabora con Tráfico na campaña de controis de droga e alcohol ao volante
Por Redacción |
-
VIDEO.- Se bico un mozo que fumou un porro dou positivo no test de drogas?
Por Oskar Viéitez |
-
Tráfico está preocupada pola seguridade viaria dos peregrinos
Por Redacción |
-
Tráfico intensifica os controis sobre o uso do cinto e os sistemas de retención infantil
Por Redacción |