Un atracador ferido nun tiroteo coa policía portuguesa acode a Montecelo inventándose un roubo en Pontevedra
Por Natalia Puga
Un mozo portugués de 30 anos acudiu esta semana ao Hospital Montecelo con dúas feridas de bala no traseiro e, cando lle preguntaron que pasara, relatou que catro individuos nun coche disparáronlle cando tentaba evitar que roubasen o bolso á súa muller.
Estivo ingresado, pero á Policía Nacional non lle convenceu a súa historia, de modo que abriu unha investigación e acabou sabendo que era un perigoso atracador ferido durante un tiroteo coa Policía Judiciaria de Portugal.
Segundo informou a Policía Nacional, o mozo xa tiña antecedentes policiais por un roubo con intimidación nun café de Vila do Conde, en Portugal e o na noite do 26 ao 27 de maio acudiu con outros individuos a unha gasolineira na localidade portuguesa de Ceuide, na autoestrada A-7. Sorprendeunos no roubo a policía portuguesa e produciuse un tiroteo no que resultou ferido, de modo que fuxiu e, para evitar ás forzas de seguridade do seu país, acabou en Pontevedra.
Cando chegou a Montecelo para que o atendesen, os responsables sanitarios puxéronse en contacto coa Policía Nacional, que o interrogaron. Nese momento, inventou que fora vítima dun roubo con intimidación cando estaba de paseo coa súa muller, o seu sogro e o seu bebé polo centro de Pontevedra.
Segundo a súa historia, catro individuos a bordo dun vehículo subtraéronlle o bolso á súa muller, no que levaba 1.000 euros, de modo que forcexeou con eles e no enfrontamento disparáronlle dúas veces.
A Policía Nacional contactou co Centro de Cooperación Policial de Tui-Valença do Miño para solicitar datos do novo e pescudaron os seus antecedentes por delitos violentos en Portugal e que formaba parte dun grupo criminal formado por sete individuos, entre eles o seu irmán.
A pasada fin de semana atracaran unha área de servizo e, ao fuxir e ser detectados pola policía, comezou un tiroteo no que resultaron detidos tres dos atracadores. Dous deles recibiron feridas de bala e catro logaron fuxir, entre eles o que acabou ingresado en Montecelo.
A Policía Nacional solicitou ás autoridades portuguesas que emitisen a correspondente Orde Europea de Detención e Entrega a través da Oficina Sirene e esta recibiuse na tarde do luns 29 de maio, momento no que unha patrulla trasladouse ao hospital para comunicarlle a súa detención.
O home estaba en presenza do seu avogado e, segundo a Policía Nacional, recoñeceu a súa participación no atraco na gasolineira en compañía doutros individuos. O martes 30 recibiu o alta hospitalaria, de modo que foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, que decretou o seu ingreso na prisión da Lama á espera de que o Xulgado Central número cinco da Audiencia Nacional autorice a súa extradición a Portugal.