Unha reunión coa Policía Local, primeira xestión de Telmo Martín como alcalde
Por Redacción
Apenas doce horas despois de ser investido alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín mantivo xa as súas primeiras reunións organizativas. Así, como xa avanzara, o persoal da Policía Local recibiu ao rexedor no seu primeiro día de traballo.
Martín reiterou que a seguridade cidadá e, especialmente, os problemas de orde pública que xerou a movida nos últimos veráns e na recente semana santa, é o principal problema que ameaza a reputación de Sanxenxo como destino turístico.
Na reunión mantida co sarxento Manuel Ferreiro e posteriormente co persoal, o alcalde comunicoulles que el persoalmente vai asumir as competencias en materia de seguridade cidadá, para reforzar a importancia que a este tema lle dá o novo goberno.
O alcalde tivo a ocasión de saudar un a un a todos os membros da policía local e fíxolles saber que, nestes momentos, a seguridade cidadá é a principal ameaza de Sanxenxo e a súa solución pasa pola colaboración de todos eles.
"Necesitamos que deades o mellor de vós mentres chegan as solucións máis definitivas, como máis medios e o incremento do persoal", explicou.
Ademais de escoitar as demandas dos integrantes do corpo, Telmo Martín aseguroulles que, con independencia do apoio que se reclame da Subdelegación do Goberno, os problemas de seguridade da movida nocturna deberanse resolver desde o propio municipio, como se fixo no seu día, segundo o novo alcalde, en Portonovo.
Relacionadas:
-
Telmo Martín garante maior seguridade no porto deportivo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Telmo Martín reforzará o persoal dos servizos sociais e os socorristas
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín pide ao persoal de servizos un esforzo para mellorar a imaxe de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Telmo Martín reparte competencias entre os seus edís e reduce o custo do goberno
Por Redacción |
-
VIDEO.- Celebran a volta de Telmo Martín como alcalde de Sanxenxo con vítores de "vivan los novios"
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Gonzalo Pita deixa a Alcaldía entre reproches e protestas, pero con brinde final
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |