A praia fluvial do Lérez será renovada de cara o verán de 2018
Por Alejandro Espiño
As condicións da praia fluvial do Lérez son, segundo o Concello, "óptimas" para o baño pero o seu uso "intensivo" por parte dos pontevedreses fixo que "se vaia desgastando" co paso do tempo. Raimundo González xustificou desta maneira a decisión do goberno local de iniciar o expediente de contratación para a mellora de todo este ámbito.
Non estará lista, en todo caso, para este verán. O edil do BNG explicou que para non interromper o seu uso durante os próximos meses, a actuación acometerase, en función dos criterios técnicos, a partir do outono. O obxectivo é que a praia luza a súa mellor imaxe para a tempada estival de 2018.
O Concello prevé investir na renovación desta praia, aberta hai xa oito anos, algo máis de 234.000 euros. O prazo de execución destes traballos é de dous meses.
A mellora do areal é obrigada, segundo Raimundo González, pola "dinámica" das mareas, as correntes do río que van erosionando a praia e acumulando lodos na lámina de auga, diversos axentes climáticos e o propio uso por parte dos cidadáns que, en tempada alta, supera os 700 bañistas ao día.
A actuación incluirá a substitución da actual capa xeotextil, que impide que os lodos cheguen á area, por unha con "mellores prestacións", instalaranse novas barreiras anticontaminantes na auga, retirarase toda a area para renovala e, entre outras accións, tamén se mellorará a zona de duchas e os accesos á praia.
O que se descarta, polo momento, é ampliar a praia. Actualmente ocupa as case tres hectáreas -29.400 metros cadrados- que autorizou Costas no seu día, cunha zona de baño habilitada de 6.600 metros cadrados.
OUTROS TRÁMITES
Ademais, nunha Xunta de Goberno extraordinaria, o goberno municipal acordou adxudicar á empresa COVSA a rehabilitación dos accesos a Os Fontáns (Santa María de Xeve), por 230.713 euros. Deberá executar a obra en tres meses.
Tamén se aprobou a prórroga a Mutua Xeral de Seguros, a concesionaria do contrato de seguros dos vehículos municipais, ata o 1 de maio de 2018 por 51.193 euros; e decretouse que salga a información pública a cesión dunha parcela á Fundación Xoán XXIII para que constrúan un centro de emprego detrás de IES Torrente Ballester, na denominada Finca da Corva.