Escolares de Marcón, así traballa un pediatra
Por Redacción
A pediatra Mónica Camaño, especialista do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez, achegou este martes aos alumnos de infantil do colexio público de Marcón o día a día do seu traballo e, por extensión, explicoulles en que consiste o labor dos médicos especializados en pediatría.
A través do conto Teo y Pablo van al médico, trasladoulles que un pediatra cura, pero tamén axuda a previr enfermidades. Ademais, a través dunha charla, mostroulles como funciona un fonendoscopio, un utensilio médico que adoita chamar a atención dos máis pequenos.
A especialista aproveitou para lembrar aos máis pequenos do colexio de Marcón algúns dos hábitos de hixiene persoal e alimentación que deben seguir para gozar dunha vida sa e saudable. Con esta medida, buscaba conseguir a complicidade dos menores no coidado da saúde.
O colexio de Marcón foi o escenario da primeira visita do servizo de pediatría do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez a un colexio para achegar a figura dos médicos aos máis pequenos de forma lúdica. Esta visita enmárcase dentro das accións de Diverhospital, un proxecto do Grupo Quirónsalud que busca crear unha contorna interactiva cos nenos para que perciban os hospitais e centros de saúde como lugares amables e interesantes.