Normalidade nos colexios no inicio da 'reválida' de terceiro, pero guerra de cifras sobre participación
Por Redacción & Mónica Patxot
As probas da avaliación de terceiro curso de Educación Primaria, a comunmente coñecida como reválida, comezaron este martes nos centros educativos pontevedreses, ao igual que nos do resto de Galicia, sen incidentes reseñables, pero con informacións contradictorias en canto á participación do alumnado.
Mentres que a Xunta de Galicia sostén que máis do 60% por cento participou na primeira xornada da proba, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público mantén que máis do 80% das familias decidiron non enviar aos seus fillos a someterse á avaliación.
A proba realízase en todos os centros educativos entre este martes e este mércores e no que todos coinciden é en que se está a desenvolver con normalidade e cunha participación similar a das convocatorias anteriores -é o terceiro ano consecutivo que se celebra-.
Segundo puido saber este xornal, nas probas de expresión escrita realizadas nesta primeira xornada, o alumnado tivo que redactar textos como una historia elaborada en base a unha serie de viñetas ou demostrar se entenden os segredos da Gioconda ou as características do lobo.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valora moi positivamente o resultado do boicot ao que chamaron ás familias, con centros nos que non houbo ningún alumno. Valoran o "sacrificio que lles supón non poder enviar durante dous días aos seus fillos aos centros educativos" e sinalan que as cifras de participación son semellantes ás que se deron nas reválidas de sexto de Primaria e de cuarto da ESO a semana pasada, e superan ás do ano pasado.
A Consellería de Educación insiste en que os resultados desta avaliación non teñen efectos sobre o expediente académico dos nenos, e que en ningún caso vai facer ránking de centros, como xa quedou demostrado nas dúas anteriores edicións. Entenden este tipo de probas como unha ferramenta metodolóxica máis, que complementa a avaliación continua, reforza o labor dos docentes e axuda aos centros educativos e ás familias a ter información adicional sobre a evolución dos seus fillo.
Fronte a estas afirmacións, o voceiro da plataforma, Anxo Louzao, insiste e que estas probas "o único que diagnostican, de maneira democrática e contundente", é a oposición das familias, da comunidade educativa e da sociedade no conxunto a que se siga aplicando a LOMCE.
Relacionadas:
-
Alto seguimento da folga de estudantes contra as reválidas nos centros de Pontevedra
Por Redacción |
-
Medra o absentismo escolar nas probas da reválida de terceiro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Plataforma Galega do Ensino Público pide o boicot ás probas da reválida en Primaria
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |