Paloma Otero e Antón Piñeiro, dous estudantes de premio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Ben pouco faille falta ao alcalde de Pontevedra para que se poña a presumir da Boa Vila. Este martes sobráronlle motivos. Polo seu despacho pasaron dous pontevedreses brillantes, Paloma Otero, estudante premio ao Rendemento académico galego e número un en España e Antón Piñeiro, premio ao Esforzo e Superación Persoal entre alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria.
Ambos son alumnos do instituto pontevedrés Torrente Ballester, "que é un centro público!", engadiu Lores pletórico.
Paloma Otero López ten 17 anos e unha media de 9,93 nas súas notas. Non hai secreto, a clave é organización e esforzo. "Dedícolle moitas horas ao estudo", admite. Tamén á música, catro horas ao día son para o chelo.
Paloma non ten decidido por onde encamiñará o seu futuro profesional. "Música, medicina ou bioloxía", son as súas dúbidas. En cambio Antón teno claro, quere ser enxeñeiro informático para programar videoxogos.
Facendo gala dunha gran retranca resta importancia ao premio asegurou que "moito esforzo non fixen". Con todo tivo que sacar adiante os seus estudos á vez que segue o tratamento para a súa enfermidade dexenerativa, a síndrome de Morquio, o que lle supón faltar algúns días a clase.
Isto afectou o seu rendemento académico pero non ao seu bo humor. Apuntan os seus profesores que Antón é imparable e pola súa culpa van ter que instalar lombos nos corredores do Torrente Ballester.