A compostaxe tamén é cousa de nenos
Por Oskar Viéitez
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este martes o primeiro Congreso de Educación Ambiental sobre Compostaxe para centros de ensino organizado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza e no que participaron preto de 200 nenos de seis colexios da provincia que demostraron cos seus proxectos que a compostaxe é a forma máis natural de tratar o lixo orgánico.
Este congreso puxo fin ás actividades que se desenvolveron ao longo do curso en 16 centros de ensino de toda a provincia para dar a coñecer a compostaxe como forma de xestión do lixo de xeito lúdico con obradoiros de formación titulados 'A voltas coa compostaxe', 'Xogo da miñoca', 'Quen vive aí?' e tamén puxeron en marcha os seus propios composteiros particulares e visitaron os centros de compostaxe comunitaria instalados nos diferentes concellos.
De aí xurdiron propostas que se materializaron dentro da programación escolar de cada colexio.
Demostraron cos seus proxectos que a compostaxe é a forma máis natural de tratar o lixo orgánico
O congreso foi inaugurado polo vicepresidente da Deputacion, César Mosquera, o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) Carlos Vales e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Mosquera gabou o esforzo desenvolvido por estes rapaces que son "pioneiros" no traballo escolar sobre compostaxe e salientou que cando son os nenos os que animan á familia a compostar, a compostaxe doméstica acaba sendo un éxito.
Pola súa banda, o director do Ceida, Carlos Vales, subliñou que os traballos realizados polos centros participantes no congreso (CEIP San Benito de Lérez, EEI Verducido, CEIP Valle Inclán de O Grove, CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo , Santa Cristina de Cobres e CPI O Toural de Vilaboa) recolleranse nunha publicación que se difundirá entre a comunidade escolar da provincia. Vales parabenizou aos profesores que se implicaron na proposta de promocionar a compostaxe, o que cualificou como "un proxecto de innovación educativa nunha época de desilusión docente".
Finalmente, o alcalde Fernández Lores explicou aos rapaces que a compostaxe é unha volta "ao principio, aos nosos avós, que o aproveitaban absolutamente todo" que fai "que teñamos garantido que o medio ambiente se tratará doutra maneira no futuro".
Relacionadas:
-
Os máis pequenos tamén fan compostaxe
Por Sara López Lago & Mónica Patxot |
-
Seis concellos pontevedreses estarán compostando preto do 100% dos seus residuos orgánicos a mediados do 2018
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide á Deputación un informe detallado do plan de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Entre os funcionarios da Deputación xa hai mestres composteiros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Bará insta á Xunta a estender o plan compost da Deputación a toda Galicia
Por Redacción |
-
Preto de 200 rapaces participarán en Pontevedra nun congreso de educación ambiental sobre compostaxe
Por Redacción |
-
Expertos internacionais de renome imparten leccións maxistrais na Facultade de Compostaxe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Barro xa produce o seu propio compost
Por Redacción |
-
De visita escolar a… un composteiro
Por Redacción |
-
Bueu, a piques de inaugurar o seu segundo composteiro comunitario e de recibir 50 individuais
Por Redacción |
-
O campus bate récords de produción de compost en menos tempo e máis calidade
Por Oskar Viéitez |
-
Os técnicos acreditan que o compost producido no campus ten unha calidade "elevadísima"
Por Alejandro Espiño |