Impulsan un mapa sensorial para coñecer Pontevedra cos cinco sentidos
Por Alejandro Espiño
A cidade de Pontevedra pódese gozar cos cinco sentidos. Esa é a base do proxecto que impulsa Begoña Paz, alumna de Belas Artes, que busca deseñar o mapa sensorial da Boa Vila.
O traballo, no que participa tamén Saleta González, poderase coñecer en Pontenciencia, a feira da miniciencia que promove o Concello de Pontevedra e que desenvolven a universidade, os colexios e as familias a prol do método científico, a investigación e a ciencia.
Co obxectivo de elaborar unha imaxe colectiva da cidade, a concelleira de Educación, Carmen Fouces, fixo un chamamento á participación neste "paseo sensorial pola cidade" coa fin de facer un mapeo da cidade "coa mirada e os sentidos dos que viven nela".
As súas impulsoras apuntan que a cidade comunícase con nós de distinto xeito dependendo da hora do día ou da noite.
As súas rúas e prazas, o aire, a temperatura, as luces e as sombras, os sons e os silencios, os aromas, as cores, incluso os sabores da nosa rica gastronomía transmiten e provocan unha serie de sensacións diferentes a cada momento e por iso queren facer participe a todos na creación do mapa sensorial da cidade.
De aí que todos os interesados poden enviar as súas fotos e imaxes a www.pontevedra.gal/ mapa-sensorial. Nelas, deben captar en foto ou vídeo instantes da cidade a calquera hora ou en calquera lugar e relacionalas co olfato, vista, gusto, oído ou tacto.