Ameazan con folga en Correos ante o temor de peche de oficinas rurais na provincia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os sindicatos CC.OO., UXT, CSI-F e Sindicato Libre están dispostos a convocar unha folga xeral nas oficinas de Correos ante o recorte no financiamento previsto polo Goberno de Mariano Rajoy nos Orzamentos Xerais do Estado. Sinalan que o Ministerio de Fomento ten previsto reducir en 60 millóns o investimento orzamentario para Correos, pasando de 180 millóns en 2016 a 120 neste ano.
Esta situación provoca, segundo indicaba Eusebio Cousillas, representante de CC.OO., que non se cumpra coa Lei que garante o Servizo Postal Universal. Neste sentido sinalan que xa nos últimos anos se foron perdendo postos de traballo e oficinas do servizo de correos en toda a provincia. Apunta que en Pontevedra capital no ano 2011 traballaban 150 traballadores mentres que na actualidade a cifra sitúase en 133. Na provincia perdéronse 195 empregos neste período de tempo.
Alertan de que esta rebaixa do orzamento provocará a desaparición de oficinas que permanecen abertas poucas horas ao longo do día en zonas do rural. E eses peches terminarán repercutindo nos cidadáns, que terán que realizar desprazamentos a cidades máis grandes para ser atendidos. Sinalan a posibilidade de que desaparezan oficinas como as de Moraña, Vilaxoán (Vilagarcía), Vilalonga (Sanxenxo), Dena (Meaño), Barrantes (Ribadumia), Mosteiro (Meis), Carballedo (Cerdedo-Cotobade), Barro, Campo Lameiro, A Lama, Seixo (Marín), Vilaboa ou Poio, entre outras.
Sinalan ademais que se corre o risco de deixar de recibir o correo cinco días á semana e o cidadán verase obrigado a desprazarse para recoller a súa correspondencia ou os paquetes postais porque o carteiro xa non chegará ao seu domicilio.
Os representantes sindicais indican que os traballadores de Correos levan máis de seis anos de conxelación salarial e sen chegar a un acordo para negociar o convenio colectivo.
Relacionadas:
-
Correos abre unha bolsa de emprego con máis de 700 prazas en Pontevedra e concellos da súa contorna
Por María José Pita |
-
Denuncian que Correos está a reducir o servizo de repartición en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os carteiros de Pontevedra van en moto eléctrica
Por Redacción |
-
O recorte a Correos supoñería a perda de 220 empregos na provincia, segundo CCOO
Por Oskar Viéitez |