Pontevedra manterá os sinais de tráfico en galego e denuncia un "ataque ideolóxico" ao idioma
Por Alejandro Espiño
"Seguirán en galego. Non imos ceder". Así responde o Concello de Pontevedra ante unha sentenza que retira unha multa a un condutor ao estar a sinalización únicamente en galego. César Mosquera, que recoñece que non é a única sentenza que hai neste sentido, asegura que o goberno local está "orgulloso e decidido" a manter este criterio e vencella a "intereses políticos" o feito de que se estea creando "un problema onde non o hai".
A sentenza, dictada polo Xulgado Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra, retira unha multa a un home que recorreu a sanción que lle impuxeron por aparcar nunha zona de carga e descarga, unha infracción que provocou tamén que o guindastre municipal retirase o seu vehículo. O demandante alegou que a sinalización era "incorrecta" ao estar só en galego "e non nas dúas linguas cooficiales", o que lle impedía coñecer con exactitude esa restricción.
Aínda que a xuíza recoñece que é "de difícil credibilidade" que este condutor, que vive actualmente en Marín e traballa en Galicia desde hai anos, non entenda o idioma galego, termina dándolle a razón no seu recurso ao recordar a esixencia legal de que as indicacións que acompañen aos sinais de circulación nas vías públicas "deben figurar en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma".
César Mosquera, que apuntou que detrás desta reclamación "non hai unha actuación inocente", explicou que se trata dunha sentenza de 2010 que se airea tres anos despois "que agora axita ou PP". Entende que este asunto "foise acelerando" cando a Xunta aprobou o decreto do galego e agora cando o ministro de Educación, José Ignacio Wert, "está inmerso na súa ofensiva de españolización do país".
E é que o Concello de Pontevedra ve nesta sentenza un "ataque ideolóxico" ao galego, unha conduta dixo Mosquera, "á que estamos afeitos que sexa reiterada". Por iso é polo que asegure que se farán "reaxustes" nos sinais de tráfico para unificar o criterio de limitación de aparcamento, "pero baixo ningún concepto deixarase de usar o galego". E insiste "non hai problema nin batalla por isto".
Relacionadas:
-
Rexeitan o recurso dun condutor multado que alegou non entender un sinal escrito en galego
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pregunta ao alcalde por unha posible insubmisión veciñal tras a sentenza do sinal en galego
Por Oskar Viéitez |
-
A Mesa defende os sinais de tráfico de Pontevedra e Galicia Bilingüe critica a "imposición" do galego
Por Redacción |
-
Líbrase dunha multa porque o sinal que lle prohibía aparcar estaba só en galego
Por Natalia Puga |