A Policía acode ao instituto Xunqueira 2 por unha lea entre alumnos e a dirección do centro
Por Oskar Viéitez
Unha patrulla da Policía Nacional e outra da Policía Local de Pontevedra tiveron que acudir este venres ao Instituto Xunqueira 2. Os axentes foron avisados polo director do centro educativo ante a gran lea que se estaba montando coa súa decisión de impedir a un grupo de alumnos acceder ás clases.
A veciña facultade de Forestais foi este xoves escenario da cerimonia de gradación do alumnado de bacharelato. Ao acto solemne seguiu unha cea e logo houbo festa. Tras a gradación é costume entre os mozos acudir ao día seguinte ao instituto para despedirse clase por clase do resto dos seus compañeiros de Secundaria. Ata hoxe. A dirección do IES A Xunqueira II quixo acabar con esta interrupción das clases impedindo a entrada ao centro destes recentemente graduados.
Algúns profesores opuxéronse a esta medida ao entender inofensiva e divertida esta tradición estudantil.
A dirección do centro xa comunicara a súa decisión días antes aos estudantes tentando que a cerimonia de gradación tivese lugar un venres para evitar a visita ás clases do día seguinte, pero os alumnos non aceptaron e este venres tentaron cumprir co afeito saúdo clase por clase, sen éxito.
Os alumnos puideron entrar no centro tras a intervención da policía e marcharon pouco despois. Non se presentou denuncia algunha.