Fin de semana chea de actividades en Cerdedo
Por Redacción
A localidade de Cerdedo vai acoller esta fin de semana diversas actividades, como o IV Festival de Música Tradicional e o dobre concerto do domingo, que poñerán peche á completa programación cultural do mes de maio, ou un seminario de defensa persoal feminina con carácter benéfico.
No eido cultural, o sábado celebrarase a cuarta edición do certame de música organizado por Os Abrentes de Cerdedo coas actuacións da formación anfitriona e de Pandereteiras Tremelique, Os Muiñeiros do Sarela, Aririños da Fracha e Foula. Este festival terá lugar no Centro Cultural de Cerdedo dende as 20.30 horas e a entrada será de balde.
Xa o domingo, o mesmo recinto acollerá, dende as 18.30 horas e tamén con acceso gratuíto, un dobre concerto da coral de Campo Lameiro e do grupo Canta Lúa.
Por outra banda, o pavillón municipal será o escenario na xornada do sábado 27 dun seminario benéfico de defensa persoal feminina a prol da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
Esta actividade, que comezará ás 11.00 horas cunha inscrición de cinco euros que se doará integramente ao citado colectivo, será impartido por Yohanna Alonso, campiona do mundo de Muay Thai e membro das forzas de seguridade do Estado. Para información e inscricións é preciso chamar aos teléfonos 986 760001 ou 679 612484.