A Policía confirma que O Mulo era quen daba la última palabra no operativo da descarga de droga
Por Redacción
Rafael Bugallo "O Mulo" era o encargado de dar "as últimas instrucións" a Luís Fajardo, José Antonio Búa e Fernando Prado para levar a cabo os preparativos relacionados coa descarga dos 3.500 quilos de cocaína que se recolleron en alta mar a bordo dunha lancha que apareceu queimada na Lanzada.
Así o confirmaba, na quinta sesión do xuízo que se desenvolve na Audiencia de Pontevedra, o axente da Policía Nacional que coordinaba o seguimento do grupo de presuntos narcotraficantes. "Era o que daba a última palabra", indicou o axente atendendo ao que se deduciu da investigación realizada durante o ano 2008.
Tamén sinalou que era factible que O Mulo atendera as ordes de José Luis Orbaiz, que non está imputado nesta causa e que se atopa en prisión por outra operación de narcotráfico. O axente indicou que Rafael Bugallo non era quen pedía a cocaína ao colombianos pero tampouco podía atribuírlle "a paternidade" da droga a Orbaiz ou a José Manuel Muñiz, quen tampouco está procesado.
O coordinador policial da operación sinalou que era Fernando Prado Rey, a quen O Mulo acusou na terceira sesión de ameazalo na sala, o que se encargaba de contactar co Ratonero, o barco que ía fornecer a gasolina en alta mar e sinalou que na planadora que realizou a operación viaxaba Luís Fajardo.
Tamén relacionou aos fillos da parella de O Mulo cos feitos sinalando que realizaban labores de vixilancia e acudían a algunhas reunións, segundo deducían os axentes, para intimidar. A testemuña indicou que as dúas naves que utilizaban os acusados, situadas en Mosteiro (Meis) e en Castrelo (Cambados), atopábanse en zonas que resultaban difíciles de vixiar para as forzas de seguridade.
Da mesma forma, o axente do Servizo de Vixilancia Aduaneira, que coordinaba as operacións de control desde A Coruña, apuntou que comezaron a investigar este caso con motivo do seguimento que estaban a realizar sobre Fernando Prado, a raiz da súa vinculación con outra operativo antidroga. Comprobaron que se poñía en contacto co Ratonero e cruzaron os datos coa investigación da Policía Nacional. O axente indicou que o barco non se atopaba pertrechado para a pesca de bonito senón que transportaba chafarices en popa para a subministración de gasolina.
A vista oral deste macroxuízo por narcotráfico continuará o vindeiro xoves 1 de maio.
Relacionadas:
-
O narco 'O Mulo' volve á Audiencia e enfróntase a 24 anos de prisión e unha multa de 425 millóns
Por Natalia Puga |
-
'O Mulo', condenado a oito anos de prisión polo alixo de cocaína da Lanzada
Por Redacción |
-
A rede do Mulo enfróntase a 80 anos de prisión polo alixo da Lanzada, só un terzo do que pedían antes do xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia retoma o xuízo contra a rede de narcos do 'Mulo' co testemuño dos investigadores
Por Redacción |
-
Cinco dos 13 acusados no xuízo do Mulo rexeitan calquera relación coa descarga de cocaína
Por Redacción |
-
O Mulo alerta o tribunal de que está a recibir ameazas na sala durante o xuízo por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nove acusados no xuízo da planadora da Lanzada recoñecerán os feitos tras aparecer unha carta do Mulo
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
As defensas piden a nulidade do xuízo por narcotráfico contra o "Mulo" e outros 12 implicados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |