O xuíz non ve indicio de delito na denuncia do PP contra o edil de Turismo de Poio
Por Oskar Viéitez
A xustiza ven de arquivar definitivamente a denuncia presentada polo Partido Popular na que se pedía que se investigase a maneira na que se adxudicaron os postos da Festa do Mar do ano 2014 celebrada en Combarro. O instrutor da causa, Xermán Varela, non ve indicio de delito na actuación do edil responsable de turismo no Concello de Poio, o nacionalista, Xosé Luís Martínez Blanco.
O xulgado de instrución número dous foi o encargado de dirixir a denuncia interposta polo PP local contra Xosé Luís Martínez, que foi chamado a declarar como investigado o 4 de maio. A denuncia levou á apertura dunha investigación por un posible delito de prevaricación administrativa que acaba de arquivarse de maneira definitiva sen que houbese recurso algún.
Xosé Luís Martínez compareceu este venres en rolda de prensa arroupado polos seus compañeiros do grupo municipal do BNG, entre eles o alcalde de Poio, Luciano Sobral. "Sempre dixen que estaba tranquilo, agora ademais tamén estou contento", afirmou.
O concelleiro agradeceu "a prontitude coa que resolveu o xuíz", aínda que este procedemento iniciouse hai un ano. Tamén agradeceu os apoios do BNG e dos socios de goberno do Partido Socialista. Dito isto Xosé Luís Martínez sinalou que "o PP volveu perder no xulgado" e lamentou as "ansias delirantes" do portavoz popular en Poio, Ángel Moldes "por chegar ao poder como sexa" que "o levan a xudicializar a vida política municipal sen importarlle o máis mínimo o prestixio do noso Concello".
Nesta estratexia dos populares o edil nacionalista sumou que o PP "estrangula os proxectos" da Xunta para o municipio como o proxecto de seguridade viaria na estrada PO-308, o polígono da Fragamoreira, o saneamento integral da ría ou as reformas dos peiraos de Raxó e Covelo.
Tamén Luciano Sobral criticou á oposición duramente, e sinalou que o obxectivo do PP parece que é acabar cun dos eventos máis importantes do municipio, a Festa do Mar, unha das maiores citas do verán.
Para o alcalde de Poio a xudicialización da política por parte do PP "demostra unha certa covardía e debilidade" pola súa banda e advertiu que "a nós isto non nos vai a amedrentar, nin a poñer nerviosos", dixo Luciano Sobral "o que nós facemos é con conciencia, honestidade, responsabilidade e en beneficio dos homes e mulleres que vivimos neste concello". E engadiu "moi mal non o debemos facer porque levamos desde o ano 95 gobernando e eles moi ben non o deben facer porque levan desde o ano 95 na oposición".
Relacionadas:
-
Xosé Luís Martínez, reelixido responsable local do BNG en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes asegura que o alcalde de Poio é "cómplice" das irregularidades da Festa do Mar
Por Redacción |
-
O concelleiro de Turismo de Poio declarará nos xulgados por irregularidades na contratación na Festa do Mar
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Poio defende a xestión "totalmente transparente" da súa Festa do Mar
Por Redacción |