Os profesores universitarios pontevedreses piden un "acto solemne" para retirar o Honoris Causa a Gayoso
Por Oskar Viéitez
O comité de empresa do personal docente e investigador laboral de Pontevedra da Universidade de Vigo solicita a retirada do grao de Doutor Honoris Causa a Julio Fernández Gayoso, ex presidente de Novacaixagalicia.
A petición dos profesores pontevedreses súmase a solicitude de retirada presentada por Rocío Barreiro, en representación do colectivo de estudantes, no Consello de Goberno no 21 de febreiro de 2013.
Do mesmo xeito que a proposta da concesión do grao de doutor honoris causa a Julio Fernández Gayoso foi acompañada dunha memoria razoada que fundamentou os méritos e as circunstancias excepcionais que concorrían para concederlle tal distinción, así como o seu currículo, o profesorado considera que agora "existen novos datos e argumentos para razoar e decidir a retirada de tal distinción a unha persoa que non reúne os requisitos para os que tal distinción está reservada".
"O nomeamento de doutor honoris causa é expedido polo reitor da Universidade de Vigo, polo que debería ser el mesmo quen procedese a abrir o debate que promova a definitiva retirada de tal distinción a Julio Fernández Gayoso, se cadra nun solemne acto académico segundo o tradicional uso universitario", di nun comunicado o Comité de Empresa PDI Laboral de Pontevedra da Universidade de Vigo.