Un home entra nun banco alterado, négase a irse e teñen que intervir policías e sanitarios
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Faltaban 15 minutos para as dúas da tarde deste xoves cando a tensión se instaurou no interior dunha sucursal bancaria da rúa García Camba de Pontevedra. Un home entrou visiblemente alterado, asustando a clientes e empregados e, cando lle pediron que se fora, negouse. Finalmente, foi necesaria a intervención da Policía Local e dunha ambulancia do 061 para lograr botalo.
Segundo explicaron os empregados do banco, coñecen a ese home, pero non é cliente seu e durante o tempo que permaneceu no interior, unha media hora, non lles pediu diñeiro nin ningunha outra reclamación nin atacou a ningún dos clientes e empregados que estaban no interior, pero negábase a irse e víaselle moi nervioso e alterado. Si chegou a explicarlles que había alguén que o perseguía.
Ante a escena, os responsables da sucursal pediron axuda á Policía Local á vez que pedían á maior parte dos clientes que abandonasen o establecemento, pois moitos se estaban poñendo nerviosos.
Unha patrulla chegou en cuestión de minutos, sobre as 13.55, e estivo a tentar negociar co home no interior durante un cuarto de hora, ata a chegada dunha ambulancia do 061. Os sanitarios tamén accederon á sucursal e finalmente, entre policías e traballadores sanitarios, lograron convencelo de que abandonase o establecemento.
Media hora despois do aviso á Policía Local, todo quedara solucionado no interior, non sen unha boa dose de nervios entre os empregados. No exterior, o home foi atendido nun primeiro momento dentro da propia ambulancia e posteriormente trasladado ao Hospital Montecelo ante a posibilidade de que necesitase asistencia especializada.