As probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte reúnen 150 estudantes
Por Oskar Viéitez
Antes de que cheguen as probas da nova selectividade os estudantes que teñen entre as súas opcións o grao de Ciencias de Actividade Física e do Deporte, deron este xoves o primeiro paso para converterse en alumnos do campus pontevedrés o vindeiro curso.
Facíano coa celebración das probas físicas de acceso a esta titulación, que reuniron na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte un total de 150 estudantes, na primeira das dúas convocatorias ás que poderán concorrer os 190 inscritos.
Trátase dunhas probas dirixidas a demostrar unhas capacidades básicas en materia de forza, resistencia, velocidade, axilidade ou flexibilidade, que garantan que os futuros alumnos "teñen unha condición física adecuada para realizar as prácticas destes estudos", como apunta o decano, Vicente Romo.
Probas que superaron máis do 85% dos aspirantes, un total de 128, mentres que os 22 restantes terán unha segunda oportunidade para superar estes exercicios nunha segunda sesión, que terá lugar o 22 de xuño é a que poden concorrer tamén as 40 persoas que non as realizaron nesta xornada.