A muiñeira volverá soar por toda Pontevedra o próximo 2 de xuño
Por Redacción
Unha palillada na praza da Peregrina servirá como aperitivo para celebrar, o próximo 2 de xuño, o Día da Muiñeira en Pontevedra. A Boa Vila acollerá un ano máis numerosas actividades para conmemorar esta efeméride.
A cita é o próximo 2 de xuño e o seu epicentro estará na avenida Montero Ríos, a partir das 20.00 horas. Media hora antes os grupos participantes sairán en pasarrúas dende a praza do Teucro e a musica do grupo Trébede do Morrazo porá o ramo á celebración.
A Asociación Duos Pontes e o Concello, entre outros, van da man na celebración dunha festa que é unha mostra -e homenaxe- dos bailes tradicionais galegos e que cada ano congrega a centos de bailaríns de asociacións, colexios e grupos de toda a provincia.
Coa fin de quentar motores e poñer en valor o noso patrimonio, organizaranse distintas actividades culturais arredor do Día da Muiñeira.
Así, haberá unha palillada na rúa (27 de maio, praza da Peregrina), amenizada polos gaiteiros de Duos Pontes e o grupo de baile O Viveiro de Peis D'hos, e un ciclo de conferencias na Casa das Campás, entre o 30 de maio e o 1 de xuño.
O martes 30 de maio, ás 20.30 horas, haberá un concerto didáctico de Xabier Blanco, especialista en tocar instrumentos pobres, e o xoves 1 de xuño, á mesma hora, Carlos Díaz e Manuel Otero falarán dos téxtiles tradicionais galegos.