Estudantes de pre-Medicina de EE.UU inician prácticas de verán no CHOP
Por Oskar Viéitez
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra deu a benvida esta semana á primeira quenda dos case 50 estudantes de Pre-Medicina, procedentes de diferentes estados norteamericanos, que ata o vindeiro mes de agosto realizarán prácticas universitarias nos centros sanitarios de Pontevedra.
Por segundo ano consecutivo, a formación destes alumnos universitarios de Pre-Medicina na cidade do Lérez é posible grazas ao Proxecto Atlantis, un programa de prácticas de observación en hospitais que ten como principal finalidade facilitar e fortalecer os vínculos entre os futuros médicos e investigadores de Estados Unidos e os profesionais sanitarios dos centros nos que se pon en marcha o plan de formación.
A xefa do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario, a doutora Raquel Sánchez Santos, foi a encargada de dar a benvida á primeira quenda de 17 alumnos, recén chegados dende Kansas, Tennesse, Wyoming, Virginia, Nueva York, Kentucky, Carolina do Sur, Carolina do Norte, Pensilvania, Illinois, Michigan, Idaho, Georgia, Ohio e Nueva Jersey, e que durante catro semanas rotarán en parellas por diferentes servizos Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Grazas a este plan de formación, os alumnos poderán levarse unha visión moi variada de como é o día a día dun profesional médico nun hospital como o de Pontevedra, pois en Estados Unidos non é tan fácil acceder como estudantes de Pre-Medicina aos centros sanitarios e ter a posibilidade de que os facultativos lles expliquen de primeira man o funcionamento de cada unidade, resolvan as súas dúbidas e lle acheguen unha serie de nocións básicas que lles axude a reflexionar sobre o seu futuro no eido da sanidade.
Os alumnos tamén levarán a cabo un programa de voluntariado a través do cal impartirán clases de inglés mediante conversas, así como visitas culturais e actividades de dinamización en grupo en Pontevedra e os seus arredores. Por outra banda, a partir do mes de xuño tamén impartirán clases de inglés aos traballadores do complexo hospitalario.
CURSO DE CIRURXÍA BARIÁTRICA LAPAROSCÓPICA EN 3D
O hospital Montecelo acolleu ademais un curso de cirurxía bariátrica laparoscópica en 3D organizado polo servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, no marco do programa de formación de expertos de Olympus.
Máis de 700 pacientes con obesidade mórbida foron operados xa no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra con excelentes resultados.
Relacionadas:
-
O CHOP despide a 17 estudantes norteamericáns en prácticas
Por Redacción |
-
Práctica cirúrxica en Montecelo con monitorización hemodinámica avanzada
Por Redacción |
-
Estudantes norteamericanos realizan prácticas nos hospitais de Pontevedra durante o Nadal
Por Redacción |
-
Os estudantes norteamericanos finalizan as súas prácticas no CHOP
Por Redacción |
-
40 estudantes norteamericanos, de prácticas no CHOP
Por Redacción |