Desaloxan un edificio por un escape de gas en Vilagarcía
Por Redacción
Un escape de gas nunha vivenda provocou este xoves que tiveran que ser desaloxados por precaución os habitantes dun edificio de Vilagarcía de Arousa. Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, ningunha persoa resultou ferida.
Segundo os técnicos, a fuga procedía dunhas bombonas de butano almacenadas nun patio interior do inmoble, sito na rúa Alejandro Cerecedo.
Todo ocorreu ás 11.20 horas. O 112 recibía o aviso do persoal da empresa subministradora do gas, que indicaba que foran alertados por un forte cheiro a gas no patio do segundo andar.
O CAE 112 Galicia informou do acontecido aos Bombeiros de Vilagarcía, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade. Os servizos de emerxencias, unha vez no punto e feitas as correspondentes medicións, procederon a retirar as bombonas e desmontar os capuchóns.
Nun primeiro momento, as medicións de gas deran positivo, pero finalmente os resultados foron negativos e os inquilinos puideron volver ás súas casas.