O Mulo alerta o tribunal de que está a recibir ameazas na sala durante o xuízo por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Rafael Bugallo Piñeiro "O Mulo", principal acusado na vista oral que se desenvolve na Audiencia Provincial durante esta semana con motivo da operación de narcotráfico de 3.500 quilos de cocaína en agosto de 2008 que finalizou coa embarcación varada e queimada na Lanzada, pedía autorización ao xuíz ao remate da sesión deste mércores para alertar de que fora ameazado na sala por outro dos imputados, Fernando Prado.
"Ameazoume se non cambiaba ou que estaba a contar", dixo O Mulo ante o tribunal. Fernando Prado nos corredores da Audiencia sinalaba ante varios letrados que fora O Mulo quen se dirixiu cara a el. En todo caso, varias fontes xudiciais consultadas sinalan que este testemuño do Mulo non terá consecuencias na causa.
Nesta terceira sesión, O Mulo confirmaba todo o que escribira na carta que presentaba a Fiscalía na que implica nos feitos a oito acusados dos trece que sentan ante o tribunal. Sinalaba que en colaboración con José Antonio Búa, Fernando Prado e Luís Fajardo preparou durante máis de dous meses unha planadora en Castrelo (Cambados) de 6 metros de eslora e con 6 motores. Vinculou tamén a José Luis Orbaiz, que non está imputado pero si foi procesado noutro caso de narcotráfico, como un dos principais actores no operativo de transporte da cocaína.
Rafael Bugallo explicou que acordaran que o barco que traía a droga procedente de Colombia agardaría a que fora recollida a 1.200 millas da costa. O Mulo confesou que sempre pensara que a cantidade que ían recoller era de 2.800 quilos de droga e non de 3.500 como finalmente sucedeu.
Indicou que a operación se abortou porque fallaron as comunicacións entre a lancha e terra e porque en dúas ocasións observaron como lles sobrevoaba un avión de Vixilancia Aduaneira. Por este motivo, decidiron tirar a droga antes de chegar á costa e non a balizaron. Unha vez que vararon na praia da Lanzada, Luís Fajardo, o mecánico que viaxaba na planadora, foi o encargado de prenderlle lume á embarcación.
O Mulo durante a súa declaración, a preguntas do fiscal antidroga Pablo Varela, sinalaba que a embarcación non fora probada antes de realizar a operación e tampouco estaba previsto realizar outras descargas. Tamén manifestou que os fillos do seu ex parella, os imputados Víctor Manuel Rodríguez Castro e Gustavo Adolfo Agudelo Castro, non tiñan relación algunha coa operación. Desvinculou ademais a Manuel Nogueira García do operativo.
Os dous primeiros testificaron tamén durante esta xornada e Gustavo Adolfo Agudelo indicou que descoñecía que O Mulo estivese a preparar esta descarga, aínda que recoñeceu que sabía que se dedicaba á pesca furtiva e que, por ese motivo, realizou en "tres ou catro ocasiones" un labor de vixilancia nos portos de Marín e de Vigo das embarcacións de vixilancia pesqueira.
O último en prestar declaración este mércores foi Luís Fajardo, que recoñeceu estar de acordo cos feitos que figuran na carta manuscrita de O Mulo e engadía que o principal imputado si fixera cálculos para comprobar se a mercadoría ía entrar na lancha. Admitiu a preguntas do seu avogado que cando se produciron os feitos tiña 30 anos e que era adicto á cocaína. "¿Era usted un golfo?", preguntoulle o seu avogado provocando risas na sala e a reprobación do xuíz. O acusado sinalou que na actualidade xa non ten problemas coa droga, traballa nun estaleiro e ten dous fillos co seu actual parella.
A vista continuará este xoves na sección segunda da Audiencia Provincial co testemuño dos outros nove acusados, entre os que se atopan Fernando Prado e José Antonio Búa, a quen O Mulo relacionou directamente con toda a operación de traslado da droga.
Relacionadas:
-
A rede do Mulo enfróntase a 80 anos de prisión polo alixo da Lanzada, só un terzo do que pedían antes do xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia retoma o xuízo contra a rede de narcos do 'Mulo' co testemuño dos investigadores
Por Redacción |
-
A Policía confirma que O Mulo era quen daba la última palabra no operativo da descarga de droga
Por Redacción |
-
Cinco dos 13 acusados no xuízo do Mulo rexeitan calquera relación coa descarga de cocaína
Por Redacción |
-
Nove acusados no xuízo da planadora da Lanzada recoñecerán os feitos tras aparecer unha carta do Mulo
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
As defensas piden a nulidade do xuízo por narcotráfico contra o "Mulo" e outros 12 implicados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
14 persoas a xuízo polo alixo de 3.500 quilos de coca que ía nunha planadora queimada na Lanzada e apareceu flotando
Por Redacción |