A praia fluvial da Calzada, a punto para os primeiros bañistas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas está a piques de rematar o acondicionamento da contorna da praia fluvial da Calzada para acoller aos primeiros bañistas e xa adxudicou á empresa PXSOL Spain SL a explotación do kiosko.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o período de explotación será de dous anos. A adxudicación definitiva está só pendente de que a empresa presente a documentación requirida e a fianza durante o prazo regulamentario.
A Xunta de Goberno adxudicou o servizo a esta emperas por ser a que presentaba a oferta máis vantaxosa das nove que chegaron ao Concello no procedemento competitivo. O prego establecía a adxudicación para a firma que achegara un maior investimento, tanto en obra material como en actividades de dinamización do espazo. A proposta elixida provisoriamente ascende a 6.700 euros máis IVE anuais.
A empresa deberá tamén achegar ao Concello un canon mensual de 60 euros en concepto de alugueiro das instalacións e correr cos gastos de luz e mantemento das instalacións.
En canto ao acondicionamento do espazo da praia fluvial, o Concello esparexeu area, recuperando así a que levaron as riadas do inverno. Ademais, retiraron todas as árbores que sufriron danos durante os últimos temporais e nos próximos días repararanse todos os bancos para que estean en perfecto estado, así como unha pasarela deteriorada.
O alcalde, Andrés Díaz, afirma que deste xeito A Calzada queda preparada para o verán, despois de rexistrar cifras récord de afluencia durante o ano pasado. Nas próximas semanas iniciaranse os trámites para a contratación dos socorristas, unha vez que se renovaron tanto a concesión da bandeira azul como a distinción do sendeiro azul ao roteiro circular de 8 quilómetros que transcorre polas beiras do río Verdugo e dá a volta polos pasos da Fraga.