A Federación de Comercio calcula en 4.000 euros os gastos dunha Primeira Comuñón, máis se é nena
Por Redacción
A Federación Provincial de Comercio de Pontevedra calcula que as familias de nenos que fagan este ano a Primeira Comuñón gastarán de media 4.008 euros por neno, podendo subir o gasto en 350 euros máis para as nenas debido á diferenza de prezo nos traxes.
Unha enquisa realizada pola federación sobre o gasto en primeiras comuñóns na provincia de Pontevedra calcula o gasto medio estimado en conceptos como traxes de primeira comuñón, comida, recordatorios ou reportaxe fotográfico. Os datos son resultado dun estudo realizado en 35 concellos da provincia, entre os que se atopan Vigo, Pontevedra e Vilagarcía.
Segundo esta enquisa, o prezo pode variar moito en función do gasto en restaurante, pois hai familias que celebran a Primeira Comuñón en pazos-restaurantes, cunha media de gasto aproximada de entre os 55 e 80 euros por persoa e outras que o reducen a 28 euros.
O estudo permitiu á federación sinalar que este ano 2017 hai un gasto previsto superior a outros anos, como xa sucedeu no ano 2016.
Segundo as cifras facilitadas, o traxe custa 195 euros de media -ata 350 máis para as nenas-; en recordatorios gástanse 75 euros; en invitacións, 50; a reportaxe fotográfica custa uns 85 euros, 150 se inclúe vídeo; e en restaurante gástase de media 1.750 euros na comida dos adultos e 880 na dos nenos.
Ademais, inclúese como gasto a festa infantil para 40 nenos, valorada en 720 euros, e o prezo de contratar a monitores, que ascende a 103 euros de media. Non inclúe o gasto de roupa tanto do pai, nai ou irmáns, xa que hai moita variedade.