Semana de tempo inestable: a calor seguirá dous días, pero o venres espérase choiva
Por Redacción
Os ceos despexados e as altas temperaturas que nos últimos días encheron terrazas e praias continuarán durante a xornada deste mércores, pero durará pouco. A partir deste xoves, os termómetros empezarán a baixar e de cara ao venres mesmo se agardan choivas.
Segundo a previsión de Meteogalicia para os vindeiros días, durante estes mércores e xoves agárdase unha alternancia de períodos de ceos con nubes e claros con outros pouco anubrados ou despexados. As temperaturas serán moi altas para esta época do ano, chegando este mércores ata os 35 graos de máxima.
Para o xoves xa se agardan máximas inferiores, de ata 30 graos e a partir do venres as temperaturas mínimas estarán en descenso moderado e máximas en descenso extremo. Para o venres a previsión fala de mínimas de 14 e máximas de 22 graos.
Ademais, agárdanse precipitacións o venres. A choiva marchará o sábado, pero durante a fin de semana a situación meteorolóxica quedará marcada pola diminución da influencia anticiclónica, ao que hai que engadir a entrada de aire frío en capas medias e altas da atmosfera, que orixinará certa inestabilidade atmosférica. As temperaturas non terán cambios significativos, acadando valores propios da época do ano, entre os 13 e os 24 graos.