Comeza a instalación dos módulos do dique de abrigo aboiante no peirao de Portonovo
Por Oskar Viéitez
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de dar comezo á instalación dos módulos que conformarán o dique de abrigo aboiante do peirao de Portonovo.
Nunha visita á zona, o presidente do ente público, José Juan Durán, informou de que os traballos xa iniciados contan cun orzamento de 584.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Así mesmo, explicou que a construción dos módulos iniciouse en fábrica hai varias semanas e a fase final das obras consiste na súa instalación no porto, que se está a realizar desde este luns.
Os traballos concretos consisten na instalación de 80 metros de crebaondas aboiante de formigón composto por 4 módulos de 5 metros de ancho e 20 de lonxitude cada un. Estas obras estarán cimentadas mediante liñas de fondeo formadas por cadea de 40 milimetros cunha lonxitude de 50 metros.
A instalación desta estrutura foi a alternativa construtiva seleccionada entre varias propostas, dado que dende o punto de vista técnico resultaba a máis eficiente para a contención do mar de vento, segundo os estudos previos.
A súa instalación foi consensuada cos distintos axentes portuarios que operan en Portonovo.