Sorteo das prazas para 'Depo Aventura' na Lanzada
Por Redacción
Este martes realizábase o sorteo das prazas para o programa 'Depo Aventura' na Lanzada que se inician en xuño e finalizan en setembro nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten na praia da Lanzada, no Grove.
O principal atractivo da edición deste ano céntrase nas 300 prazas gratuítas para menores que se atopan en situación de risco de exclusión social, como xa se fixo o pasado ano, e ademais moitas das actividades dos campamentos realizaranse integramente en inglés.
Os resultados xa comezaron a notificarse ao longo deste martes a través de mensaxes SMS e tamén se poden consultar na web da Deputación. No SMS infórmase ás familias do número e da clave correspondentes para descargar na web o recibo para a realización do pagamento.
Ofertáronse 2.200 prazas para escolares da provincia, 300 son gratuítas para menores en situación ou risco de exclusión social, que poderán gozar de sete días na Lanzada en réxime de pensión completa e cunha ampla programación de actividades. O orzamento ascende a 160.000 euros, un 7% máis que o ano anterior.
'DepoAventura A Lanzada' desenvolverase entre o 25 de xuño e o 9 de setembro en 11 quendas de sete días de duración.