O BNG acusa o goberno local de Moraña de promover un vertedoiro incontrolado
Por Oskar Viéitez
O BNG de Moraña denunciou o verquido, "promovido polo goberno municipal", realizado na explanada do lugar de Mos, xusto á beira da praza.
Os nacionalistas din que esta vertedura provén de baleirado da praza de abastos fai xa preto de quince días. Lembran que o propio goberno municipal prometera no último pleno retirar canto antes todo ese material da explanada de Mos, "cuestión que a día de hoxe continúa sen producirse".
O BNG denuncia ademais a "extrema gravidade da situación", posto que nesa vertedura tamén se tiraron bases de datos persoais, máis concretamente fichas de vehículos rexistrados no concello de Moraña, que conteñen diversos datos persoais de veciños, "cuestión que ademais de estar afastada de toda ética e seriedade, bordea perigosamente a lei orgánica 15/1999 de protección de datos de carácter persoal", din desde o BNG.
É por todo isto que desde o Bloque demandan "a inmediata recollida de todo o material" e a "destrución de calquera base de datos persoal".
Para o BNG de Moraña estes feitos "poñen unha vez máis de manifesto por unha banda o total deixamento e desleixo por parte do goberno municipal do PP, dando así o Concello un lamentable exemplo á veciñanza respecto da adecuada xestión de residuos, e ademais a inseguridade, pouca seriedade e rigor na acción de goberno que demostran o feito de botar a unha explanada, coa posibilidade de ser mirados e recollidos por calquera, fichas con datos persoais dos veciños de Moraña".