Abren expediente a 50 veciños por ter as súas fincas sen limpar
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade decidiu abrir expediente a medio cento de veciños do municipio que non teñen as súas fincas nas axeitadas condicións de limpeza que marca a normativa. Terán que realizar estes traballos ou serán multados e, posteriormente, pagar a limpeza que realizaría o goberno municipal por eles.
É unha das iniciativas coas que o Concello quere previr os incendios forestais no municipio, tratando de acoutar este problema medioambiental ante a chegada das altas temperaturas e da época de maior risco coincidindo co verán.
O goberno recorda que hai algo máis dun mes emitiu un bando e remitíronse cartas aos domicilios nos que se esixía a limpeza de todas as fincas aos propietarios e se advertía da posible imposición de multas ou da execución subsidiaria destas tarefas por parte do Concello.
Neste tempo, estanse a supervisar os 215 quilómetros cadrados das 21 parroquias do municipio, que son zonas de alto risco e que contan habitualmente con parámetros moi elevados no Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) da Consellería do Medio Rural.
Pero malia a estreita axuda dos técnicos autonómicos e das forzas de seguridade e emerxencia, o Concello recoñece que é bastante complicado controlar un territorio tan amplo e tan sensible aos lumes.
Ao respecto, o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que abordou este asunto na derradeira sesión da xunta de goberno local pola "evidente preocupación" que existe no seo do executivo, quixo apelar á "responsabilidade e colaboración" dos veciños para manter limpas as súas propiedades e axudar no coidado dos montes.
"O Concello está completamente volcado neste asunto despois de sufrir o pasado verán unha vaga que arrasou máis de 500 hectáreas do noso principal patrimonio", apuntou Cubela, que indicou que malia os esforzos do Concello, da Xunta e das forzas de seguridade "toda axuda é pouca nun municipio das nosas características e por iso queremos implicar aínda máis aos veciños na defensa do noso territorio".
Cubela lembrou que o goberno local leva semanas traballando neste asunto "como unha das principais prioridades para estes meses" e explicou que vanse redobrar os esforzos polos efectos da longa seca deste inverno, a aparición dos primeiros lumes en Borela, as elevadas temperaturas que se prevén e o inicio da época de risco coa chegada do verán.