Dous detidos por ameazar de morte e tentar matar un veciño a navalladas
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo dous mozos por ameazar de morte un veciño e tentar matalo agredíndoo cunha navalla. Ademais, arrestaron outros dous individuos que tamén o ameazaran.
Segundo informou a Garda Civil, as ameazas e posterior agresión debéronse posiblemente a que un dos detidos acusa á vítima de roubar unha importante cantidade de diñeiro no domicilio dos seus pais.
Todo ocorreu a semana pasada en dous días diferentes en Caldas e Portas. O xoves 18 o logo ferido estaba a revisar a presión das rodas do seu vehículo nunha gasolineira da localidade cando catro homes que ían no mesmo vehículo o abordaron, increparon e ameazaron. A continuación, efectuaron un disparo ao aire e déronse á fuga.
Os incidentes non pararon aí e ao día seguinte denunciou que dous dos mozos volveron asaltalo no viario que comunica Portas con Lantaño. Circulaba no seu coche xunto á súa noiva cando se atopou de fronte cun vehículo ocupado por estas dúas persoas que lle bloqueaba o paso. Decidiu cambiar o sentido da marcha e na manobra de marcha atrás precipitouse sobre a cuneta.
Tras esa manobra, o vehículo quedou inmobilizado. Un dos dous homes que o bloqueaban increpou á súa noiva e arrebatoulle o teléfono móbil e o outro rompeu cunha patada o portelo da porta do condutor e agrediuno fisicamente cunha navalla cando pretendía protexerse nos asentos posteriores.
Tras facerlle cortes na perna e no pescozo, arrebatáronlle tamén a el o teléfono móbil e abandonaron o lugar, deixándoo ferido e inconsciente. A súa acompañante logrou pedir axuda e el acabou hospitalizado.
A Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados logrou identificar e deter os catro individuos e acusounos a todos dun delito de ameazas polo incidente da gasolineira e a dous deles tamén de homicidio en grao de tentativa pola agresion coa navalla. Ademais, a Garda Civil interveu as dúas armas de fogueo que utilizaran na gasolineira.
Os detidos, a maior parte deles veciños de Portas e con idades comprendidas entre os 18 e os 39 anos, foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis, que decretou o ingreso en prisión dun deles e a liberdade provisional dos outros tres.