Alertan de intentos de estafa en nome da empresa concesionaria do servizo de auga de Vilagarcía
Por Redacción
A empresa concesionaria do servizo municipal de augas de Vilagarcía, Espina & Delfín, alertou este martes, a través do Concello, de intentos de estafa a veciños da localidade en nombre da firma.
Segundo explican, varios abonados advertiron da presenza de falsos cobradores que se presentaban nos domicilios dos particulares como traballadores da concesionaria e solicitaban o pago en man de 170 euros por renovar o contrato de subministro ou para evitar o corte do mesmo.
Este intento de estafa realizouse principalmente na zona da avenida Rosalía de Castro e algún veciño chegou a pagar a cantidade que lle requirían estes falsos cobradores.
A concesionaria informa á poboación que nunca fai cobros a domicilio, polo que, en caso de recibir a visita destes individuos, pregan aos veciños que non fagan ningún pago e que dean parte á Policía ou á propia empresa a traves do número 986 51 21 00.