O BNG critica o "estado de abandono" das áreas recreativas de Cotobade
Por Oskar Viéitez
O responsable local do BNG de Cotobade e Cerdedo, Anxo Santomé, criticou a presenza de lixo e maleza nas áreas recreativas de Cotobade.
Recollendo as críticas dos veciños, os nacionalistas denunciaron o "estado de abandono" no que se atopan estas zonas de piscinas e praias fluviais e os parques públicos, constatando que se atopan "sen desbrozar, o mobiliario público sen mantemento, lixo e papeleiras cheas", entre outras queixas.
"Entendemos que se trata do desleixo que ven caracterizando ao Partido Popular esquencendo a xestión do día a día da vida social", di Anxo Santomé.
Cita o BNG o caso concreto da praia fluvial de Calvelo e a súa ponte colgante que esta mesma fin de semana estaba "ateigado de visitantes" e tamén "atopamos moreas de lixo a carón dos paneis turísticos e das pasarelas de madeira da ponte así como maleza e lixo no espazo da praia".
Despois de chamar a atención do goberno local sobre a "repercusión negativa" desta situación, dende o BNG solicitaron ao alcalde, Jorge Cubela a limpeza inmediata dos espazos públicos, a retirada do lixo e o acondicionamento en xeral tanto da maleza como a restauración ou reposición do mobiliario público.