Máis dun cento de persoas dan conta do porco á brasa de Covelo
Por Redacción
O pobo de Covelo, na Lama, celebrou esta fin de semana a cuarta edición da xuntanza do porco á brasa, na que participaron máis dun cento de persoas.
O evento estivo organizado pola comisión de festas de Covelo, os encargados de ofrecer o prato principal da xuntanza: o porco a brasa con cachelos.
Houbo ademais ensalada, pan, viño, sobremesas caseiras, café e licores. Todo iso por un prezo de quince euros o prato.
O obxectivo da xuntanza era reunir á xente do pobo e dos arredores e, de paso, recadar cartos para as festas patronais.
Con este, xa é o cuarto ano que se fai esta xuntanza. Desta volta participaron 129 persoas, entre adultos e nenos. Para cubrir a demanda de racións para toda esta xente, este ano o porco pesou 94 quilos e fixeron falta un total de 12 horas para asalo.
A festa estivo animada por un DJ que fixo bailar os asistentes durante toda a noite.