Pontevedra non potenciará o turismo relixioso vinculado á aparición da Virxe
Por Alejandro Espiño
A suposta aparición da Virxe a Sor Lucía en Pontevedra non será aproveitada para atraer o turismo relixioso á cidade. Polo menos, non por parte do Concello. A corporación municipal rexeitou, cos votos de BNG, PSdeG-PSOE e Marea, a moción presentada polo PP para aproveitar economicamente estas aparicións marianas na Boa Vila.
O edil popular Rafael Domínguez reiterou, como fixo na presentación da moción, que Pontevedra é "uno de los tres destinos marianos más importantes", xunto con Fátima e Lourdes e que a cidade debería aproveitar este elemento "único y diferencial".
O PP entende que o obxectivo desta medida é "llenar" os hoteis, restaurantes e comercios de Pontevedra e que os turistas gasten diñeiro durante a súa estancia na cidade e "contribuyan" a xerar movemento económico no municipio.
A vantaxe de "primer orden" coa que conta Pontevedra, segundo Domínguez, por ser o lugar onde, segundo a Igrexa, apareceu a Virxe, debe axudar a que a capital das Rías Baixas sexa unha "parada obligatoria" para os peregrinos do Camiño Portugués.
Os populares tan só lograron o apoio da edil de Cidadáns, María Rey, quen con todo criticou o "afán evangelizador" da moción do PP, que cualificou como "pretenciosa", ao querer vincular a cidade con "centros de peregrinación gigantescos".
En todo caso, dada a "excelente" relación que ve entre a Igrexa e a "derecha española", a portavoz da formación laranxa instou ao PP para dirixirse á autoridade eclesiástica para que sexan eles os que potencien a cidade nesta materia. "Son los primeros que deben trabajar para que Pontevedra destaque como punto de peregrinación", dixo.
Moito máis duros foron Marea, PSdeG-PSOE e BNG, que rexeitaron a moción presentada polo PP, especialmente os nacionalistas, que foran acusados por Domínguez de ser un partido "acomplejado y retrógrado" en materia relixiosa e cuxa "ceguera política" impídelle, engadiu, "ver la realidad".
A responsable de Promoción Económica, Anabel Gulías, afirmou que o goberno municipal acepta calquera proposta que axude a atraer turistas a Pontevedra "sempre que sexa minimamente seria e razoable" e criticou a ausencia de datos "de peso" na argumentación dos populares sobre o impacto económico deste tipo de turismo.
Moitos destes turistas, dixo, entran e saen en autobús "e non deixan un peso", un movemento de vehículos que ademais no caso de Pontevedra, destacou, supoñería "cambiar unha cidade amable por unha cidade intransitable".
Desde as filas socialistas, o edil Iván Puentes tamén criticou a moción do PP por ser "un tanto esaxerada", ao citar a Pontevedra como un dos tres destinos marianos máis importantes do mundo cando "non existe tal potencial" para que esta cuestión "se poida vender como un dos principios vertebradores do noso turismo".
Luís Rei, pola súa banda, sinalou que "non procede" que un órgano de representación popular, como é o pleno municipal, se pronuncie sobre "suposicións nadas da fe relixiosa" e lamentou que toda a moción se base en "invocar" como referencia unha presunta aparición da Virxe.