Choca cun camión do lixo en Mourente, o seu turismo empeza a arder e acaba cun ataque de ansiedade
Por Redacción
Unha pontevedresa de 26 anos tivo que ser atendida na noite deste domingo por unha ambulancia do 061 logo de sufrir un ataque de ansiedade por dous incidentes seguidos co seu coche no lugar de Casas Novas, en Mourente, primeiro tivo un accidente cun camión de recollida de lixo e logo o seu turismo comezou a arder.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, sobre as 23.30 horas deste domingo unha patrulla desprazouse ata o número 48 do lugar de Casas Novas porque recibira un aviso por un accidente de tráfico entre un camión e un turismo. O coche, un Seat Toledo, golpeou a parte traseira do camión.
Despois do accidente, a condutora do turismo estacionou na beiravía e, mentres estaba a facilitar os datos ao condutor do camión, o Seat Toledo empezou a arder na zona do motor, provocando unha grande fumareda. Nun primeiro momento, os axentes tiveron que cortar o tráfico e posteriormente a regular o mesmo. Ata o lugar desprazáronse os bombeiros, que procederon de inmediato a sufocar o incendio.
A condutora resultou ilesa, tanto do accidente como do incendio, pero tivo que ser atendida por unha ambulancia por un ataque de ansiedade.
Os axentes municipais colaboraron ata a chegada da Garda Civil de Tráfico, que se fixo cargo das dilixencias.