Un enfermo en bata e pixama abandona o hospital para ir comprar tabaco ao centro
Por Natalia Puga
Unha patrulla da Policía Local de Pontevedra localizou este domingo un home de 43 anos que minutos antes abandonara o Hospital Montecelo, onde estaba ingresado, para ir comprar tabaco.
A ansiedade por fumar entroulle a este home sobre as 20.00 horas do domingo e o tema chegou a coñecemento da Policía Local de Pontevedra a raíz do aviso de varios cidadáns que os chamaron alertando de que pola estrada de subida a Montecelo viran un home de mediana idade, en bata e pixama que baixaba correndo cara ao centro da cidade.
Unha patrulla policial desprazouse ao lugar e os axentes atoparon este home á altura da rotonda de Montecelo coa avenida de Lugo, cando saía xa dun bar, supostamente despois de comprar tabaco
Cando os axentes o atoparon, levaba postos a bata e o pixama do Hospital Montecelo. Preguntáronlle por que marchara do hospital en pixama e el manifestoulles que tiña ganas de fumar e foi comprar tabaco a un bar.
Os axentes levárono de novo ao Hospital Montecelo en coche patrulla.