A Festa do Codillo da Lama recibe un milleiro de comensais e bate o seu propio récord
Por Redacción & Diego Torrado
A XVII Festa do Codillo da Lama recibiu este domingo a máis dun milleiro de comensais batendo o seu propio récord de asistencia e converténdose, segundo a organización, na festa gastronómica máis concorrida das existentes na comarca.
Segundo informou o Concello, a gran afluencia de público desde o mediodía fixo que a organización adiantase en case unha hora a repartición das racións de codillo estufado con patacas asadas e guarnición de chícharos e cenorias. Preparounas Cáterin Arelas, de Gondomar, e vendíanse a 12 euros, incluíndo no prezo un prato conmemorativo, de barro, os cubertos, pan, servilleta e viño a demanda.
Os organizadores destacaron que entre os asistentes ao evento había veciños da Lama e tamén foráneos. Ademais, houbo presenza de autoridades, entre os que estaba a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; e os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e A Lama, Jorge Cubela, Andrés Díaz e Jorge Canda, respectivamente.
A asistencia foi tal que se encheron todos os asentos habilitados nas dúas carpas instaladas para a ocasión, así como os establecementos situados nas inmediacións e os postos de polbo, empanadas e filloas.
A modo de balance, o alcalde da Lama, Jorge Canda, que colaborou en todo momento cos membros da organización, valorou moi positivamente a participación e afluencia de xente. Respecto diso, indicou que "este ano habilitamos máis mesas e bancos para poder atender a gran demanda de xente que prevíamos ía rexistrar, debido á experiencia do ano pasado e a que esta celebración vai en aumento cada ano".
O alcalde considera que se cumpriron "sobradamente as expectativas" e agradeceu a colaboración das persoas que se uniron a esta celebración a través da venda de tickets, preparativos, infraestruturas, coordinación e servizos.
Na súa opinión, a gran afluencia de público, sobre todo doutras partes da provincia, "non só é bo para potenciar a imaxe e as potencialidades turísticas e gastronómicas do noso municipio senón que as persoas que veñen ata aquí non só van á Festa do Codillo, senón que aproveitan a súa estancia para visitar os arredores e dinamizan tamén a economía local consumindo nos establecementos situados no noso municipio".
Relacionadas:
-
A Festa do Codillo da Lama xa ten prato principal
Por Redacción |
-
A Lama espera preto de dous mil comensais para a Festa do Codillo
Por Redacción |
-
O codillo estufado con guarnición, opción elixida para a XVII Festa do Codillo
Por Redacción |
-
O codillo estofado, protagonista na alameda da Lama
Por Redacción |
-
A Lama espera superar o récord de asistentes na Festa do Codillo
Por Redacción |
-
Récord de afluencia na Festa do Codillo
Por Redacción |
-
A Lama servirá máis de medio millar de racións de codillo
Por Redacción |