O 90% dos comercios das galerías Oliva promoven os seus negocios con 'A Pé de Rúa'
Por Redacción
Máis do 90% dos establecementos comerciais situados nas galerías da rúa Oliva sumáronse este sábado ás actividades promocionais da iniciativa municipal A Pé de Rúa, un proxecto enmarcado en Pontevedra Capital Shopping que busca promocionar e dinamizar o comercio local da cidade do Lérez.
Tras pasar polas rúas Michelena e Peregrina, este sábado tocáballe á rúa Oliva e, en concreto, ás súas galerías e os comerciantes responderon moi positivamente. Practicamente a totalidade dos negocios sumáronse e ofreceron descontos aos clientes de entre o 10 e o 50%, ademais de diferentes promocións a quen se achegase ao longo de toda a xornada con motivo de tal evento.
Os clientes, como ocorrera na primeira xornada, responderon enchendo de xente os corredores das galerías e a propia rúa Oliva, na que os comercios situaron casetas e elementos promocionais.
Ademais da implicación dos comerciantes cos seus descontos, o evento incluíu a visita da edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, e unha completa programación de actividades desde as 11.00 horas ata pasadas as oito da tarde e a hora de peche dos comercios.
Unha charla sobre alimentación saudable a cargo da nutricionista Pilar Hermida na froitaría Isabel, unha charla-café sobre comercio xusto, unha ruta 'Cunca e nécora' especial galerías, un obradoiro de repostería e contacontos en Detalles Café da man de Sandra Prado, un obradoiro de debuxo con Santiago Paredes Cruz, unha cata de cervexa Meiga en Mama Manduca e unha clase aberta de Lindy Hop de Carlos Tomico Pérez e Lucía Cameselle completaron a programación.
A Pé de Rúa ten programados xa novos destinos. O 27 de maio chegará á praza de España coa actividade Rizando ou Rizo en colaboración coa asociación de barberías Máis que cabelos e o 3 de xuño achegarase aos comercios de cálea Cruz Gallastegui.
Relacionadas:
-
O comercio da Oliva volve saír a pé de rúa
Por Redacción |
-
San Antoniño e Barcelos, escenario dunha programación cultural para impulsar o comercio
Por Alejandra Iannone |
-
O comercio local "planta cara" ao Black Friday
Por Alejandro Espiño |
-
Un sábado 'a pé de rúa' cos comerciantes de Cruz Gallástegui
Por Alejandro Espiño |
-
'Rizando o rizo' en plena rúa Michelena
Por Diego Espiño |
-
Os salóns de peiteado de Pontevedra "rizan o rizo" e sacan os seus negocios "a pé de rúa"
Por Alejandro Espiño |
-
A Pé de Rúa chega ás galerías da Oliva con descontos, obradoiros, roteiro e degustacións
Por Redacción |
-
O Capital Shopping saca 31 comercios á rúa con descontos e actividades para todos os públicos
Por Redacción |