O Areeiro aconsella manter a vixilancia sobre o mildeu nas viñas
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) aconsella manter a vixilancia pola aparición de Mildeu nas viñas e facer labores de sega de vexetación para airear as vides, ao tempo que advirte dos primeiros síntomas de oídio e de aumentar a vixilancia pola aparición de Cicadélidos, Altica e ácaros.
O centro, dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar o seu aviso fitosanitario e sinala que, para asegurar en maior medida un bo estado sanitario, pode aproveitarse estes días para facilitar a aireación das vides mediante a sega da vexetación .
Segundo indican, baséanse en que as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden totalmente nos seus prognósticos en canto ás posibilidades de precipitación a curto prazo. Tendo en conta a variabilidade climática da primavera, aconséllase revisar as viñas xa protexidas para confirmar a eficacia do último tratamento efectuado e renovalo no caso de que se observen síntomas, dado que o acio se atopa nun momento de elevada sensibilidade ao Mildeu.
En canto ao Oídio, nesta semana os técnicos atoparon o primeiro síntoma sobre albariño nunha única folla da finca de Areeiro, se ben no resto de parcelas da rede non se observou presenza do fungo. Sobre o resto de fungos ou patóxenos, polo de agora desaparecerá o risco de botrite, non se atoparon síntomas de Black rot, non é necesario tratar as couzas do acio e continúan moi baixas as capturas de Cicadélidos, ao igual que ocorre coa Áltica ou os ácaros.
En calquera caso, e aínda que de momento non está xustificada a aplicación de tratamentos, si é necesario incrementar a vixilancia para detectar os síntomas e proceder en consecuencia.
A vixianza sobre as maceiras tamén debe manterse para as afeccións relacionadas con moteados e oídio, se ben obsérvase un incremento nas colonias de pulgón cincento e pulgón verde (non de lanífero) nas parcelas da rede propia de Areeiro onde non se realizou tratamento algún. En caso de ter que tratar nas parcelas privadas débese ter en conta que cando as follas están enroladas só serán eficaces os insecticidas sistémicos, tendo moito coidado dos efectos negativos que teñen sobre as abellas, co que, para minimizalos, débese intervir nos momentos de menor actividade destes insectos.