Atopan o cadáver dun octoxenario brutalmente apuñalado en Moraña
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un octoxenario apareceu morto nunha vivenda do lugar do Apedrado, en Amil (Moraña). Segundo as primeiras investigacións, foi vítima dun crime brutal executado con arma branca.
O corpo da vítima atopouno un particular que deu aviso aos servizos de emerxencia ás 10.05 horas deste sábado, segundo confirmou o 112 Galicia.
O home, Agustín Chayán Silva -de 83 anos e coñecido como Agustín do Carballan- levaba xa un tempo morto, indicaron a PontevedraViva fontes da investigación. O seu corpo estaba no exterior da vivenda, nun dos seus laterais.
O cadáver do ancián presentaba múltiples signos de violencia e foi brutalmente apuñalado. Descártase que o móbil da morte fora un roubo.
Ao lugar dos feitos, situado preto do santuario de Amil, trasladáronse axentes da Garda Civil. Tamén acudiu a Policía Xudicial, efectivos de Protección Civil e unha ambulancia do 061.
As primeiras pescudas están a realizarse na contorna máis próxima da vítima, para coñecer se algunha destas persoas pode achegar algún dato que axude a esclarecer o crime.
O home vivía cunha muller da súa mesma idade, unha curmá súa segundo os veciños, e cunha filla desta. Esta última presenta unha patoloxía psiquiátrica e tivo que ser trasladada á unidade de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
"Isto víase vir. Nesta casa había balbordo todos os días", explicou un veciño aos xornalistas. Outra muller engadiu que a policía "xa veu tres veces a esta casa" e que as discusións "eran constantes".
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, tamén acudiu ao lugar do crime para interesarse polo sucedido.
A comisión xudicial procedeu ao levantamento do cadáver sobre as 15.30 horas deste sábado. Despois do visto bo da xuíza de Caldas que leva o caso e dos forenses, o corpo foi trasladado ao Hospital Provincial para que os especialistas do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) lle realicen a autopsia.
Relacionadas:
-
A Fiscalía descarta pedir pena de prisión para a acusada de matar un octoxenario en Moraña
Por Natalia Puga |
-
Ingresan nun centro psiquiátrico penal á sospeitosa de acoitelar un octoxenario en Moraña
Por Oskar Viéitez |
-
Todos os indicios do crime de Amil apuntan á filla da parella do falecido, agora hospitalizada
Por Natalia Puga |