Un pontevedrés, entre os oito investigados por abuso sexual a unha menor de Salamanca a través de WhatsApp
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra figura entre os oito homes de entre 20 e 57 anos investigados pola Garda Civil de Salamanca por abuso sexual a unha menor de idade a través de WhatsApp.
A investigación comezou en 2016 por mor dunha denuncia que alertaba de que unha adolescente estaba a sufrir acoso a través de varias redes sociais. O Equipo de Persoas da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Salamanca e o Xulgado de Instrución número 4 de Salamanca abriron unha investigación que desembocou na identificación dos presuntos responsables da situación.
A Garda Civil comezou a bautizada como operación 'Guindi' realizou unha análise das conversacións e fotografías relacionadas co caso e concluíu que os responsables de enviar esas mensaxes á vítima obtiveron o seu número de teléfono por un descoido que ela cometeu ao cumprimentar os seus datos persoais nunha rede social.
O móbil pasou a ser público e eles empezaron a enviarlle mensaxes e fotografías, entrando nunha actitude de acoso cuxa única finalidade era sexual. De feito, os investigadores pescudaron que chegaron a pedir á menor manter contactos sexuais.
Foron necesarios varios meses de investigacións, pero finalmente a Garda Civil identificou os oito homes que enviaban mensaxes e fotografías de índole sexual á menor.
Xunto ao veciño de Pontevedra, identificouse a individuos residentes en Barcelona, A Rioxa, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Huesca, Ferrol e Toledo e todos eles están investigados como presuntos autores dun delito de abuso sexual.