14 persoas a xuízo polo alixo de 3.500 quilos de coca que ía nunha planadora queimada na Lanzada e apareceu flotando
Por Redacción
Entre este luns 22 e o venres 26 de maio a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá un macroxuízo por narcotráfico que sentará no banco a 14 persoas ás que a Fiscalía considera responsables dun alixo de máis de 3.500 quilos de cocaína que chegou ás costas galegas en agosto de 2008 dunha forma difícil de esquecer. A droga chegaba nunha planadora, pero acabou fondeada na zona de Cabo Silleiro e a embarcación, varada e queimada na praia da Lanzada para tentar ocultar todas as probas posibles.
Aquela planadora queimada en pleno verán no corazón do turismo das Rías Baixas xa forma parte da historia do narcotráfico en Galicia. Segundo sostén agora o fiscal no seu escrito de acusación, todo debeuse a que a organización criminal que agora vai a xuízo esperaba a chegada da embarcación rápida cargada de cocaína para o 14 de agosto aínda que, debido a un erro nas comunicacións, quen esperaba en terra para alijar a droga, non puideron decatarse de que esta chegaría realmente o día 15.
Cando a embarcación chegou, ao non ter comunicación con terra, optou por fondear a cocaína que transportaba nas proximidades de Cabo Silleiro e varar a embarcación rápida na Lanzada e prenderlle lume.
Os 14 acusados enfróntanse a penas que van dos 15 aos 17 anos de prisión, un total de 214 entre todos e 22,9 millóns de euros de responsabilidade civil por un delito contra a saúde pública referido a sustancias que causan grave dano á saúde, en cantidade de extrema gravidade, cometido mediante a utilización de buque e no seo dunha organización delituosa dedicada ao narcotráfico, así como un delito de pertenza a organización criminal.
Se un nome destaca entre eles é o de Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido como O Mulo, considerado o líder da organización e para o que a Fiscalía Antidroga solicita 17 anos de prisión e a prohibición do desempeño de calquera actividade realizada coa navegación, tanto a nivel lúdico como profesional, durante 15 anos despois de saír de prisión.
O fiscal considera que os 14 acusados, con outras persoas que non puideron ser identificadas, formaban parte dunha organización criminal que tiña como finalidade última e exclusiva o tráfico ilícito de drogas, intruduciéndolas en España por vía marítima, para o que, contaban con diversos medios específicos para o tráfico de droga, así como cunha estruturación xerarquizada e cunha precisa repartición de funcións.
No caso de O Mulo, era a persoa que negociaba directamente o transporte de cocaína cos grupos provedores suramericanos e quen deseñaba e organizaba os transportes concretos de cocaína por vía marítima.
A organización encargábase de construír e pertrechar lanchas rápidas en dúas naves de Cambados. Unha vez construídas e preparadas, utilizábanas para realizar transportes de grandes cantidades de cocaína que recollían de buques ama de cría situados no océano Atlántico e alijaban posteriormente nas costas galegas.
Para posibilitar as travesías de longa duración que levaban a cabo as lanchas rápidas, a organización contaba con buques pesqueiros que, simulando tarefas de pesca, esperaban en puntos concertados en altamar cargados con grandes cantidades de gasolina para abastecer ás lanchas rápidas de combustible durante as súas travesías.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, tiveron un primeiro intento de desembarco da droga procedente de Sudamérica que se frustrou ao negarse a última hora o dono dun pesqueiro que se encargaría de fornecer de combustible en alta mar á planadora.
Ante tal situación, a rede buscou outro pesqueiro, o 'Ratonero', que catro anos despois sería abordado en alta mar por Vixilancia Aduaneira con máis de 2.000 quilos de cocaína, un alixo xa xulgado e que acabou en condenas por un total de 103 anos de cárcere para nove acusados.
Neste caso, a droga si chegou á planadora, pero non a terra. Tras aparecer esta varada e queimada, un helicóptero e unha embarcación de Aduanas atoparon os fardos con droga. Finalmente, entre a Garda Civil, Aduanas e a Policía Nacional recuperaron máis de 3.500 quilos de cocaína.
Relacionadas:
-
O narco 'O Mulo' volve á Audiencia e enfróntase a 24 anos de prisión e unha multa de 425 millóns
Por Natalia Puga |
-
'O Mulo', condenado a oito anos de prisión polo alixo de cocaína da Lanzada
Por Redacción |
-
A rede do Mulo enfróntase a 80 anos de prisión polo alixo da Lanzada, só un terzo do que pedían antes do xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia retoma o xuízo contra a rede de narcos do 'Mulo' co testemuño dos investigadores
Por Redacción |
-
Cinco dos 13 acusados no xuízo do Mulo rexeitan calquera relación coa descarga de cocaína
Por Redacción |
-
O Mulo alerta o tribunal de que está a recibir ameazas na sala durante o xuízo por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nove acusados no xuízo da planadora da Lanzada recoñecerán os feitos tras aparecer unha carta do Mulo
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
As defensas piden a nulidade do xuízo por narcotráfico contra o "Mulo" e outros 12 implicados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |