Apenas unha intervención diaria dos Bombeiros fan de Pontevedra "unha cidade segura"
Por Alejandro Espiño
Case unha terceira parte das intervencións realizadas no 2012 polos Bombeiros de Pontevedra foron para sufocar incendios urbanos. Así se reflicte na memoria do servizo que se presentou este martes. En total, os Bombeiros realizaron 304 saídas durante o ano pasado, un número notablemente inferior ao de anos anteriores, algo que Manuel Torres, xefe do servizo, vencellou a que "fixemos máis labores de prevención que outros anos".
Desas 304 intervencións, 90 foron en incendios urbanos. Pero os Bombeiros participaron tamén en accidentes de tráfico (46), retirada de elementos en fachadas (39), entradas en vivendas (19), retirada de árbores (17), alertas por fuga de gas (14), rescate de persoas atrapadas (8), incendios forestais (6), rescate de animais (6), inundacións (4) ou limpeza de calzada tras accidentes (3).
Destas 304 intervencións, tan só 21 realizáronse fóra dos límites do Concello de Pontevedra. Son a metade das 40 que se atenderon en 2009, ano no que Manuel Torres fíxose cargo do servizo. E el recoñeceu ser o que tomou a decisión de que os bombeiros só saian do municipio "cando hai risco para as persoas", ao entender que "non podemos deixar desatendida á cidade".
Entre outros datos, Manuel Torres sinalou que a maior parte das incidencias prodúcense entre as 12.00 e as 15.00 horas, e de forma decrecente ata as 24.00 horas, porque "son as horas de máxima ocupación nos fogares e cando aumenta o uso de aparellos eléctricos ou de calefacción", que o mes con maior número de sucesos é decembro ou que case a terceira parte deles resólvense entre 15 e 30 minutos despois de que cheguen ao lugar os Bombeiros.
E todo iso cun persoal de 39 bombeiros, tres dos cales dedícanse a labores administrativas. O resto divídense en catro quendas de nove bombeiros, "sempre intentando que entre baixas, permisos e vacacións, non haxa nunca menos de seis bombeiros non parque", sinalou o xefe do servizo, quen destacou que conta cun persoal moi novo. E é que de todos eles, un 62 por cento teñen entre 31 e 40 anos.
E cal é o reto para 2013? Poñer en marcha a unidade de rescate acuático. Para iso, expertos chegados do País Vasco están formando aos bombeiros pontevedreses. Ademais de comprar unha moto acuática e o material de equipamento necesario, reparouse unha lancha neumática. Empezarán a actuar no río "cando estean preparados", xa que segundo Torres "é un medio hostil e novo e hai que formarse ben".
Ademais, tanto Manuel Torres como a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, destacaron a importancia do traballo preventivo que realizan os Bombeiros ou a asistencia que prestan en operativos especiais como a Vuelta Ciclista a España, a Feira Franca ou o Entroido. E todo iso "mantendo o seu carácter público, que a única forma de garantir a súa efectividade", sinalou a edil nacionalista.