Rescate no Lérez: "Podía pasar algo máis grave, houbo momentos en que pensei: afoga"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Era festivo e José Luis de la Fuente Martín aproveitou para facer deporte por unha zona moi pouco habitual para el, a senda do río Lérez. Cando xa estaba de regreso a casa tras chegar ata Bora, sentiu uns berros á altura da presa de Monte Porreiro. Unha moza estaba en perigo e non o dubidou dúas veces, achegouse e deulle as indicacións necesarias para saír da zona na que estaba encajonada. Xa na beira, nunha zona de remanso, e coa axuda de dous ciclistas, prestáronlle o auxilio para chegar a terra.
Coa súa actuación, lograron salvar a vida da moza sen apenas danos, aínda que si requiriu asistencia médica porque estaba mareada e tiña a camiseta rota, pero houbo momentos nos que José Luis temeu pola súa vida. "Podía pasar algo máis grave, houbo momentos en que pensei: afoga", relata este xoves, xa pasado o susto e no seu posto de traballo. Este heroe do río Lérez é un sarxento do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
Este mércores, Día das Letras Galegas, estaba fóra de servizo cando protagonizou o rescate, pero non o pensou dúas veces en canto tivo a oportunidade de axudar. Pesa todo, non se considera ningún superhome, "nin moito menos", senón que, para el, "heroes son outros que día a día se xogan a vida noutros lados".
Cargado de modestia, asegura que desempeñou un papel no Lérez "que podía facer calquera persoa, calquera outro deportista que pasase por alí faríao igual", pero a súa intervención si foi decisiva. Ademais, móstrase moi crítico coa imprudencia que cometeu a muller. Xa a vira antes esa mañá, cando subía cara a Bora. Á baixada, estaba na auga, pero antes estaba sentada na beira e non pensou que acabase no medio da canle.
Cando xa estaba a salvo, trasladoulle á vítima unha pequena reprimenda. Ela contoulle que se estaba bañando, escorregou e caera e que non era a primeira vez que se metía na auga nese punto e el rifoulle. "Díxenlle: mira, o que fixeches é unha imprudencia moi grave porque o día non está para bañarte e o caudal que leva o río tampouco", explica. Ademais, chamoulle a atención sobre o feito de que non se poñía en perigo tan só a si mesma, senón que alguén que saltase á auga para socorrela "podía afogar tamén con ela".
A situación de perigo non era nada desdeñable. Cando el baixaba facendo deporte, sentiu gritando e achegouse. Viu que estaba "encaixada onde caía todo a auga con forza". Pedía auxilio e tentaba agarrarse a unha roca que había diante dela, pero "a duras penas mantíñase á boia porque a auga caía encima moi forte". El axudouna coas súas indicacións para que saíse polo lado esquerdo, pois xusto diante dúas rocas cortábanlle o paso diante e, aínda que houbo momentos nos que chegou a afundir, logrou facerse camiño por onde lle explicaba e chegar a un remanso do río.
Nese momento, tanto el como dúas persoas que acababan de chegar en mountain bike, axudárona metendo os pés na auga e xa alguén alertara á ambulancia que lle prestou a atención necesaria.