Sanxenxo renova os fondos das súas bibliotecas cunha subvención da Xunta
Por Redacción
Unha subvención de 5.436 euros, concedida pola Consellería de Cultura, permitirá á rede de bibliotecas de Sanxenxo renovar os seus fondos bibliográficos. O Concello destaca que é a primeira vez que reciben esta axuda autonómica, ao pertencer á Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta de Galicia.
Desde o ano 2007 as bibliotecas de Sanxenxo non recibían ningunha axuda económica para a adquisición de fondos bibliográficos, limitándose a colaboración da Xunta ao envío de "caixas de libros", fondos que o departamento autonómico remitía aleatoriamente.
Entrar a formar parte da Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta permitiu acceder a unha subvención para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, cunha contía de 1.758 euros e outra para a mellora das coleccións bibliográficas dotada con 3.678 euros.
Estas axudas constitúen un recurso vital para as bibliotecas, imprescindible para mellorar as súas coleccións e poñelas ao día coa adquisición de novidades editoriais, para a reposición de obras deterioradas polo uso e o paso do tempo e para o incremento de volumes destinados ás lecturas escolares, moi demandadas polos nenos dos institutos.
Ao longo dos próximos meses iranse incorporando fondos tanto en galego como en castelán para adultos, xuvenil e infantil; e tamén algunha obra de referencia para paliar a obsolescencia dalgúns materiais que enchen os estantes das bibliotecas.